
O Centro GaiásTech vai ofrecer esta semana un novo achegamento ás tecnoloxías cuánticas no marco do seu programa de actividades de divulgación. Estamos a falar do relatorio O salto cuántico: a viaxe da computación cuántica do laboratorio á industria, que será impartido por Martín Ottavianelli (Instituto Tecnolóxico de Galicia) este xoves 22 de outubro. Achegarase en formato streaming en horario de 10.00 a 11.00 horas.
Nesta charla realizarase unha breve introdución á historia das tecnoloxías cuánticas, así como aos fundamentos da mecánica cuántica que permiten novas formas de computación distintas das convencionais. Ademais, darase unha panorámica das distintas formas nas que se pode construír un computador cuántico e cales son os principais actores que apostan por cada unha delas. Finalmente, comentaranse as aplicacións da computación cuántica a sectores industriais, poñendo como exemplos algúns dos traballos que se están realizando no ITG.
O programa terá os seguintes eixes temáticos: revolucións cuánticas, introdución á mecánica cuántica e a súa aplicación a computación, como construír un computador cuántico, aplicacións industriais e computación cuántica en ITG.
O Instituto Tecnolóxico de Galicia é un centro tecnolóxico privado que, desde 1991, impulsa a competitividade empresarial mediante tecnoloxía, innovación e I+D. Conta con capacidades avanzadas en intelixencia artificial, enerxía, mobilidade non tripulada e computación cuántica. Neste ámbito, é Centro de Excelencia Cervera desde 2023 e participa en dous proxectos estratéxicos: ARQA, orientado a aplicacións de computación cuántica para a empresa, e ARQADE, centrado en computación cuántica accesible e dual para Defensa e sectores estratéxicos.
Martín Ottavianelli é enxeñeiro eléctrico pola Universidade da República, Uruguai. Desenvolveu a súa traxectoria profesional no sector tecnolóxico, liderando equipos de innovación e implementando solucións de software para comunicación omnicanle e fintech.
Tras trasladarse a Galicia, cursou o Máster en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica da Universidade da Coruña e comezou a traballar no grupo de computación cuántica de ITG, onde actualmente investiga a aplicación de redes tensoriais á aprendizaxe automática.
A xornada está dirixida a pemes de ámbito civil e dual así como dos sectores de seguridade e defensa, interesadas en incorporar computación cuántica accesible e tecnoloxías cuánticas para abordar problemas complexos e mellorar as súas capacidades tecnolóxicas e operativas.
