
Os VI Premios Fouciño dedicarán o seu galardón honorífico á memoria de Mabel Montes, xornalista de Zas falecida en xaneiro e unha das persoas que contribuíron a poñer en marcha o festival. A partir desta edición, o recoñecemento pasará a chamarse Fouciño de Mabel, unha homenaxe que coincide co décimo aniversario da primeira edición do certame.
Montes formou parte do equipo organizador inicial en 2016, cando asumiu diferentes tarefas, entre elas a presentación de actividades e a difusión do proxecto en centros de ensino. Tamén participou na programación de 2018 e regresou en 2024 como madriña da cuarta edición, xunto con Chema Rei, tras seis anos de parón.
Natural de Zas, desenvolveu unha traxectoria profesional de case tres décadas na Televisión de Galicia e na Radio Galega, onde traballou en espazos informativos e na información meteorolóxica. Mantivo tamén unha estreita relación coas iniciativas culturais da comarca e co propio festival. Na pasada edición, os Premios Fouciño recoñeceron o labor do anterior equipo organizador, do que ela formara parte. O primeiro Fouciño de Mabel entregarase o sábado 24 de outubro durante a gala de clausura.

A xornada final dos premios combinará a entrega de galardóns cunha programación musical que reunirá seis propostas da escena galega. Os concertos desenvolveranse o sábado na Praza Jorge Mira de Baio e percorrerán estilos que van do rock á electrónica, pasando polo pop urbano e as músicas de baile.
A programación comezará ao mediodía coa sesión vermú de Luama Son Sistema, unha proposta que combina a tradición cultural galega coas músicas do mundo a través de sonoridades electrónicas.
Pola noite, a partir das 22:00 horas, Mal Juicio abrirá os concertos cun repertorio de composicións propias no que mestura influencias do rock clásico, o pop e o punk. A banda, integrada por músicos de diferentes localidades de Bergantiños, dará paso á entrega de premios, prevista para as 23:00 horas.

A música regresará ao escenario á medianoite con ünder & Diego Flâneur, un dúo de pop urbano que aborda cuestións como o amor, o desencanto e as experiencias cotiás. Ás 1:15 horas actuará Laura LaMontagne, que presentará o seu novo formato de banda. A artista lucense destaca pola combinación de poesía, tradición e electrónica, así como pola experimentación vocal e a reinterpretación contemporánea de textos e sonoridades tradicionais.
A formación da Estrada Skanderani tomará a quenda ás 2:30 horas cunha proposta baseada en ritmos repetitivos, guitarras e sintetizadores. A sesión de Ningún DJ, prevista para as 3:40 horas, pechará a noite con música de baile.
