
Un total de quince centros educativos das catro provincias galegas participarán este curso na VII edición do programa Talentos Inclusivos do CITIC da UDC, tal e como se recolle na resolución definitiva publicada recentemente pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia.
Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
Na provincia da Coruña participarán o IES de Ortigueira, de Ortigueira; o IES Sofía Casanova, de Ferrol; o IES Maximino Romero de Lema, de Zas; o IES Rego de Trabe e o CIFP Universidade Laboral, de Culleredo; o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e o CPR Calasanz – PP Escolapios, da Coruña; o IES Breamo, de Pontedeume; o CPR Plurilingüe Montespiño, tamén de Culleredo; e o IES As Telleiras, de Narón.
Na provincia de Lugo foron seleccionados o IES da Terra Chá José Trapero Pardo, de Castro de Rei, e o CPI Plurilingüe de Castroverde, situado nesta localidade. En Ourense, participará o CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús, da cidade de Ourense. Pola súa banda, na provincia de Pontevedra incorpóranse o IES Ribeira do Louro e o IES Pino Manso, ambos os dous do Porriño.
Tecnoloxía ao servizo da inclusión

Segundo lembran dende o CITIC, Talentos Inclusivos ten como obxectivo “incrementar os coñecementos e as competencias do alumnado en ciencia e tecnoloxía mediante a súa participación activa e colaborativa no deseño de solucións tecnolóxicas dirixidas a persoas con discapacidade”.
O programa conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no marco do seu convenio co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña.
A iniciativa tamén busca “combinar a atención á diversidade co desenvolvemento do talento do alumnado, fomentar o traballo en equipo e contribuír a visibilizar as persoas con discapacidade, promovendo unha educación máis inclusiva a través da innovación tecnolóxica”.
Durante o curso, estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de Formación Profesional traballarán en grupos colaborativos xunto con persoas usuarias das entidades participantes de atención a persoas con discapacidade. Os equipos contarán co acompañamento do profesorado, do persoal investigador do CITIC e de profesionais das entidades colaboradoras.
Desafíos para necesidades concretas

Os retos tecnolóxicos definiranse durante os primeiros meses do proxecto a partir das necesidades e propostas das distintas persoas participantes. As solucións estarán orientadas á rehabilitación, á accesibilidade e á mellora da calidade de vida, e poderán abordar ámbitos como os sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, a realidade aumentada, a robótica aplicada á rehabilitación, a domótica de baixo custo, a impresión 3D e os produtos de apoio para o acceso ao ordenador, entre outros.
Cada reto poderá contar cun máximo de dez estudantes, e cada centro educativo terá a posibilidade de participar en varios proxectos, ata un máximo de 40 alumnos e alumnas.
Cooperación e sensibilización durante o curso

Os centros seleccionados comprométense a traballar conxuntamente coas entidades colaboradoras, realizar un seguimento periódico dos retos e organizar actividades de sensibilización sobre a discapacidade dirixidas á comunidade educativa.
A convocatoria contempla reunións mensuais en liña para o seguimento dos proxectos e a participación presencial nos actos de apertura e clausura do programa. O acto final desta sétima edición está previsto para o 11 de xuño de 2027, cando o alumnado e o profesorado presentarán o traballo desenvolvido xunto co resto das persoas integrantes dos seus equipos.
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, que conta co apoio do Consello Social da UDC, do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia e da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (siglas de Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo que desenvolven solucións tecnolóxicas a retos formulados por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional de diversos institutos de Galicia deben buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos propostos por persoas usuarias das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Roja A Coruña.
Talentos Inclusivos conta tamén co apoio de persoas voluntarias de Inditex, que ofrecen asesoramento no desenvolvemento dos retos.
