
Razer presentou unha colección limitada de tres periféricos para celebrar o 25 aniversario de Xbox, que se conmemora o 15 de novembro. A edición especial inclúe un rato ergonómico, un teclado mecánico e uns auriculares sen fíos, todos eles cun acabado verde translúcido inspirado nas edicións especiais da primeira consola de Microsoft.

O Razer Basilisk V3 Pro 35K Xbox 25th Anniversary Edition é un rato ergonómico sen fíos equipado cun sensor óptico Focus Pro 35K de segunda xeración, unha roda HyperScroll Tilt configurable e 13 controis personalizables. Tamén incorpora conectividade HyperSpeed Wireless e iluminación Chroma RGB. O seu prezo recomendado é de 179,99 dólares.

O teclado mecánico Razer BlackWidow V4 75% Xbox 25th Anniversary Edition aposta por un formato compacto e interruptores táctiles Orange de terceira xeración, que se poden substituír en quente. Inclúe unha tecla dedicada a Xbox Game Bar, iluminación Chroma RGB por tecla, iluminación inferior nos dous laterais e un repousamuñecas magnético con acabado de coiro sintético. O prezo anunciado é de 209,99 dólares.

A colección complétase cos auriculares Razer Hammerhead V3 X HyperSpeed for Xbox, que ofrecen conectividade sen fíos de 2,4 GHz, Bluetooth 5.3 e cambio intelixente entre conexións mediante SmartSwitch. A autonomía alcanza as 35 horas, contan con resistencia á auga IPX4 e incorporan son envolvente para Xbox e PC. O prezo recomendado é de 119,99 dólares.
Os tres produtos comercialízanse como edicións limitadas e a colección inclúe un mes de subscrición a Xbox Game Pass Ultimate. Polo momento non se anunciou se estes produtos estarán dispoñibles en Europa.
