
A consultora galega Vitae, especializada na formación de profesionais TI, achegará este mes de novembro unha nova actividade que busca ampliar os nosos horizontes no uso e aproveitamento dos servizos de xestión da información de Microsoft axudados por IA. Trátase do curso Microsoft Excel 365 con Claude IA. Celebrarase os días 17, 19, 24, 25 e 26 de novembro de 2026 e terá 15 horas de duración.
Segundo explica Vitae, “este curso non é sobre intelixencia artificial, é un curso de Excel (avanzado, profesional, orientado ao traballo real) no que a IA actúa como ferramenta de aceleración”.
No transcurso da actividade “estableceranse os mínimos para un traballo profesional e descubriranse as últimas funcionalidades incorporadas, ademais de mostrarse como sacar partido a funcionalidades que probablemente non usemos, a traballar con datos de forma máis sólida e a incorporar ferramentas de IA no noso fluxo de traballo sen ceder o control”.
Respecto dos modelos de IA que se empregarán (Copilot, ChatGPT e Claude), no curso mostrarase como utilizalas e cando será máis interesante e áxil o seu emprego.
“Non se trata dun curso de IA xeneralista, senón dun enfoque moi práctico de como tomar vantaxe da nosa man no traballo coas nosas follas de cálculo máis profesionais que nunca”, informan dende Vitae, engadindo que “ao final saberemos o que pedirlle á IA, como pedirllo e, igual de importante, cando si e cando non facelo”.

En definitiva, aprenderemos a:
- Dominar Excel de verdade. Traballar con datos estruturados (táboas e táboas dinámicas), formulación avanzada, formato e deseño de documentos de forma profesional.
- Configurar e usar a IA en Excel. Copilot, ChatGPT e Claude: diferenzas, instalación e primeiros usos prácticos en contexto real.
- Construír o noso propio fluxo de traballo. Identificar que tarefas de Excel podemos delegar á IA e cales requiren o teu criterio. Rastrexabilidade do realizado coa IA.
- Detectar e corrixir erros da IA. Saber cando a IA se trabuca con fórmulas, datos ou transformacións e como validar o seu resultado.
- Coñecer o alcance da IA en Excel. As IA non chegan a todos os sitios, así que teremos que buscar a mellor maneira de aproveitalo cando queiramos traballar con VBA, Power Query ou Power Pivot, por exemplo.
O formador: Juan Naya
O curso será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.
