
A Subdelegación do Goberno en Ourense, en colaboración co Concello, realizará unha xornada cidadá no marco do programa A Administración preto de ti. Será o vindeiro día 6 de novembro, a partir das 10:00 horas, na Sala Valente (antiga sede do Banco de España, na rúa do Paseo, 20).
A través desta xornada, persoal da Oficina de Información e Rexistro da subdelegación expedirá ao público asistente certificados dixitais de persoas físicas, para que poidan telos instalado no seu teléfono móbil e coñecer as distintas xestións que poden realizar con el sen necesidade de desprazamentos. Ademais, resolveranlles as súas dúbidas de forma individualizada.
Esta actividade está aberta a toda a cidadanía en xeral, pero especialmente dirixida a aquelas persoas estranxeiras que neste momento se atopan realizando trámites dentro do proceso extraordinario de regularización de persoas migrantes, para os que se precisa a identificación e sinatura electrónica.
A Administración preto de ti é un servizo do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática que busca achegar a administración á cidadanía, co obxectivo fundamental de que as persoas poidan realizar as distintas xestións administrativas de xeito rápido e sinxelo, sen ter que desprazarse.
Esta iniciativa naceu en novembro de 2022 co obxectivo de achegar aos municipios de menos de 8.000 habitantes, que carecen de sedes físicas da Administración Xeral do Estado, os servizos desta. Dende outubro de 2024 ampliáronse os destinatarios do programa para incluír outros colectivos como estudantes, autónomos, persoas con discapacidade ou estranxeiras; e incluír tamén os concellos de maior poboación que por algunha causa específica solicitasen a realización desta iniciativa, como foi o caso do Concello de Ourense.
Para participar na sesión do 6 de novembro é precisa inscrición previa, ata as 14:00 horas do 3 de novembro.
No que vai de ano, o programa A Administración preto de ti levou a expedición de certificados dixitais a 15 concellos de menos de 8.000 habitantes da provincia, sesións nas que se expediron aproximadamente 300 certificados. Ademais, realizáronse sesións con colectivos específicos (estranxeiros, persoas con discapacidade e estudantes), nas que se emitiron máis de 350 certificados.
