
O Mercado Municipal das Neves acolleu hoxe a última actividade do ano do ciclo de podcast Aquí faltan páxinas da Deputación de Pontevedra. A sesión centrouse en Cruz Risco, figura clave do cinema galego.
A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, remarcou no faladoiro, conducido por Maribel Outeiriño e Xaime Varela, que “pese a ser unha pioneira na industria audiovisual galega, Cruz Risco permaneceu silenciada moitas décadas”.
Bouzós lembrou que Cruz Risco estudou xornalismo en Madrid e formouse en París, onde coñeceu a un grupo de cineastas coas que promoveu o Grupo4 e rodou o documental Por que marchamos. Ao longo da súa traxectoria, tal e como destacou a deputada, exerceu de técnica de son, guionista e colaborou con directores como Iñaki Núñez ou Chano Piñeiro, pero, “por riba de todo foi unha muller moderna, culta, rebelde e libre, unha das primeiras galegas que se tentou profesionalizar no cinema e que hoxe se ten convertido nunha peza clave da historia desta disciplina na nosa terra”.
Programa finalista nos Premios Ondas do Podcast
A deputada tamén aproveitou a ocasión para lembrar que Aquí faltan páxinas é un dos programas finalistas nos prestixiosos Premios Ondas Globais do Podcast e que a través deste ciclo “estamos a poñer en valor o papel de grandes mulleres que viviron e viven na provincia, mulleres que abriron o camiño a outras e que traballaron para facer da nosa terra un lugar mellor”.
Con este faladoiro sobre Cruz Risco péchase a terceira edición de Aquí faltan páxinas que, ao longo do ano, recuperou a historia de mulleres como as alfombreiras, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as nais contra a droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas, Matilde Vázquez, Rita Fernández Queimadelos, Corona González Santos, as mulleres do viño ou as primeiras policías locais de Vigo, Marina Ledo e Begoña Villar.
Todos os faladoiros das tres edicións do programa están dispoñibles en streaming e tamén en formato podcast no sitio web institucional, así como as plataformas YouTube, Spotify e iVoox.
