
O Concello de Ames, en colaboración coa UCGAL, volve organizar xornadas formativas para toda a veciñanza de Ames. Nesta ocasión, cun relatorio sobre como evitar fraudes no comercio electrónico: o luns 2 de novembro, no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns; e o martes 3 de novembro no Centro Multifuncional do Milladoiro. Ambos días, a charla comezará ás 19.30 horas.
Baixo o nome Comercio electrónico: como evitar fraudes, as persoas participantes recibirán instrucións sobre como comprar e vender en liña de xeito seguro e sorteando estafas.
Abordaranse cuestións como a posta a punto dos dispositivos, identificación das tendas en liña de confianza e os seus titulares, detección de fraudes como phishing ou carding, estafas a través do correo electrónico, ou requisitos de información previa e específicos adicionais para os contratos celebrados en mercados en liña.
Recomendacións básicas
Dende a UCGAL e o Concello de Ames adiantan que hai unha serie de pasos básicos para evitar ditos fraudes como son “verificar a tenda antes de facer a compra (comprobar a URL, buscar os datos da empresa, revisar o aviso legal e devolucións, e desconfiar de ofertas imposibles); extremar a precaución cos pagos (usar métodos seguros de pago, activar as alertas do banco, e non gardar os teus datos de pago); e protexer os teus dispositivos e conexións (evitar redes Wi-Fi públicas, manter o software actualizado, e desconfiar de enlaces recibidos por SMS, WhatsApp ou correo electrónico)”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinalou que “as charlas que imparte a Unión de Consumidores de Galicia son sobre temas de interese e actualidade. Durante a primeira semana de novembro haberá unha nova charla da UCGAL, para a veciñanza de Ames, impartida polo avogado Félix Caramés. Deste xeito, teremos a oportunidade de recibir formación sobre como evitar fraudes no comercio electrónico, algo fundamental xa que na actualidade realizamos diferentes compras a través da Internet”.
Ademais, cómpre lembrar que durante este ano 2026 o persoal da UCGAL xa realizou en Ames outro tipo de relatorios informativos: Tarxetas revolving e microcréditos: a gran trampa; Entende a túa factura eléctrica para aforrar enerxía; e O problema da vivenda: dereitos e solucións.
Servizo da UCGAL en Ames
Estas actividades enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade, é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Deste xeito poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.
