
Football Manager 27 ofrecerá unha versión previa gratuíta para PC e Mac entre o 29 de outubro e o 3 de novembro. O acceso comezará ás 19:00 horas do 29 de outubro e permitirá probar todos os modos de xogo dispoñibles sen necesidade de rexistrarse previamente.
A versión previa poderá descargarse a través de Steam, Epic Games Store e Microsoft Store, así como mediante Xbox Game Pass Ultimate e PC Game Pass. Neste último caso, será necesario estar subscrito a un dos dous servizos.

A reserva do xogo abrirase ao mesmo tempo que o período gratuíto e incluirá un desconto do 10 % nas compras a través de Steam, Epic Games Store e Microsoft Store, ademais de permitir continuar xogando á versión previa de pago unha vez rematado o acceso gratuíto, o 3 de novembro ás 19:00 horas. A edición completa de Football Manager 27 chegará o 10 de novembro. Os usuarios de Game Pass poderán manter as súas partidas a través da subscrición.
Esta versión previa toma o relevo da antiga beta de acceso anticipado e busca ofrecer unha experiencia máis próxima á edición definitiva, tanto en calidade como en acabado. As partidas iniciadas durante o período gratuíto poderán transferirse á versión previa de pago e á edición final, sen necesidade de comezar unha carreira desde cero.

Entre as principais novidades de Football Manager 27 figuran unha interface máis clara, un motor de partidos mellorado e unha maior importancia da preparación dos encontros, co reforzo dos adestramentos e das decisións desde o banco. Os retoques tácticos e a efectividade das tácticas tamén terán un papel destacado no desenvolvemento das partidas.
A versión previa pode incluír información aínda pendente de aprobación polos titulares dos dereitos, así como datos de clubs e xogadores que non reflictan completamente a realidade ou que estean ausentes da edición provisional.
A aposta de Sports Interactive ao ofrecer o seu xogo inicialmente de balde parece responder á crise provocada polas dificultades que tiveron ao trasladar os Football Manager ao motor Unity, proceso que levou á cancelación da edición de 2025 e ao lanzamento dunha versión de 2026 con numerosas carencias coa intención de ir incorporando paulatinamente novos modos de xogo e funcións secundarias.
