
Gradiant participa esta semana (ata mañá venres) en #20ENISE, o Encontro Internacional de Seguridade da Información organizado por INCIBE en León. O centro tecnolóxico galego, con sede en Vigo, está a mostrar os seus últimos desenvolvementos en protección do dato, identidade dixital, xestión de activos criptográficos e verificación intelixente de contidos dixitais.
No seu espazo expositivo destacan solucións como AnonymiX, novaWallet, QRYPTION, Veraquo ou IDHub, solucións que responden os desafíos de seguridade de empresas e organizacións. “Estas tecnoloxías combinan intelixencia artificial, criptografía avanzada e mecanismos de privacidade para protexer información, sistemas e servizos dixitais”, informan dende Gradiant, que regresa deste xeito a un encontro no que participa e colabora desde hai numerosas edicións.
Protección do dato e computación confidencial

A protección da información sensible é un dos principais ámbitos de especialización de Gradiant. Os seus desenvolvementos diríxense a permitir utilizar e compartir datos de forma segura, preservando a súa confidencialidade e reducindo os riscos para a privacidade.
Nesta liña destaca AnonymiX, unha solución de anonimización intelixente e adaptativa para compartir, analizar e aproveitar datos críticos. “A tecnoloxía incorpora mecanismos que permiten axustar a protección a diferentes escenarios de uso, minimizando os riscos de identificación das persoas”, explican dende Gradiant, que tamén está a mostrar as súas tecnoloxías de aprendizaxe colaborativa e computación confidencial para protexer a información durante o seu procesamento. Entre elas atópanse PAC-AI, orientada ao adestramento colaborativo de modelos de IA, e TrusTEE, baseada en contornas de execución nas que se poida confiar.
“Estas solucións permiten avanzar cara a modelos de explotación segura de datos en sectores como a saúde, as finanzas ou a industria”, apunta Gradiant.
Xestión, protección e goberno de activos criptográficos
O centro galego tamén expón en ENISE as súas solucións para mellorar a visibilidade, o control e a xestión dos activos criptográficos, facilitando a evolución dos sistemas.
Entre elas destaca QRYPTION, tecnoloxía vinculada á próxima spin-off de Gradiant, especialmente orientada ás necesidades do sector financeiro. A solución proporciona unha capa común entre as aplicacións de negocio e a infraestrutura criptográfica. “Isto permite xestionar de forma centralizada módulos HSM, sistemas KM e servizos criptográficos de distintos fabricantes”, salientan dende o centro, engadindo que QRYPTION unifica a xestión de claves, o control de acceso, a monitoraxe e a rastrexabilidade das operacións. “A súa arquitectura facilita a interoperabilidade e a actualización criptográfica sen necesidade de modificar as aplicacións de pago”, apuntan, lembrando que esta tecnoloxía avanza cara á súa comercialización co apoio do Programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Tamén destaca IDHub, unha solución para centralizar a xestión de certificados dixitais e as súas claves asociadas. IDHub integra módulos HSM físicos e na nube, facilitando o uso seguro de certificados desde aplicacións e servizos empresariais.
Neste ámbito, Gradiant desenvolve ademais CryptoScan, unha tecnoloxía de descubrimento e inventario criptográfico. Permite identificar claves, certificados, algoritmos e configuracións, analizar dependencias e detectar riscos. Esta información facilita a planificación de actualizacións e a transición cara á criptografía poscuántica.
Identidade dixital e servizos de confianza
A identidade dixital é outro dos ámbitos estratéxicos de Gradiant, especialmente ante a evolución do marco europeo de identificación electrónica. O centro desenvolve tecnoloxías para xestionar credenciais verificables, autenticar persoas e organizacións e protexer os datos utilizados nestes procesos.
En #20ENISE presenta novaWallet, unha carteira dixital de identidade preparada para operar no ecosistema europeo. “Está deseñada para facilitar a adopción de identidades dixitais descentralizadas e permite xestionar, presentar e verificar credenciais dixitais de forma segura e interoperable”, apuntan dende Gradiant, engadindo que novaWallet está orientada a empresas, administracións e usuarios, e preparada para integrarse no ecosistema europeo de identidade dixital.
Verificación intelixente de contidos dixitais
A expansión da intelixencia artificial xenerativa está a facilitar a creación de contidos sintéticos cada vez máis difíciles de distinguir dos auténticos. Ante este desafío, Gradiant desenvolve tecnoloxías para analizar a autenticidade e integridade de imaxes, vídeos, audios e documentos.
Nesta liña destaca Veraquo, a súa plataforma multimodal de verificación intelixente de contidos dixitais baseada en intelixencia artificial. A solución permite identificar deepfakes, voces clonadas, contidos sintéticos e manipulacións. A súa aplicación contribúe a previr a fraude, a suplantación de identidade e a desinformación.
Veraquo chega a ENISE tras recibir o recoñecemento Deepfake Detection Solution of the Year nos galardóns CyberSecurity Breakthrough Awards 2026.
O centro conta tamén con Valida, unha solución de verificación documental baseada en IA para detectar falsificacións e manipulacións. A estas tecnoloxías súmanse desenvolvementos de rastrexabilidade, watermarking, fingerprinting e análise forense multimedia para verificar a procedencia e integridade de contidos dixitais.
