
O Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) ampliou o Proxecto Memoria Documental das Sociedades da Emigración Galega coa incorporación de novos documentos do Centro Galego de Barcelona.
O fondo, en acceso libre para a consulta pública, reúne libros de actas das xuntas directivas e das asembleas xerais, estatutos, rexistros de socios e socias, libros de contabilidade e documentación da masa coral que “permite trazar a vida da sociedade desde a organización e a xestión económica ata a participación dos membros e a programación cultural”, segundo informou o CCG.
O Consello da Cultura lembra que as orixes do Centro Galego de Barcelona remóntanse a finais do século XIX, aínda que a súa constitución legal como asociación de emigrantes con fins recreativos se produciu en 1923. Entre os seus fundadores estaban León Rodríguez, primeiro presidente, Ameixeiras Sotelo, Manuel Carballo e Silvestre Mosquera, que promoveron un espazo de encontro para manter os costumes e a cultura de Galicia. Tras as dificultades económicas e as divisións internas das primeiras décadas, a Guerra Civil provocou o peche das entidades galegas existentes na cidade. Rematada a contenda, un grupo de emigrantes impulsou a Casa de Galicia para reagrupar a colectividade. A mediados dos anos corenta, esta iniciativa converxeu con outras agrupacións culturais e recreativas e, o 25 de xaneiro de 1948, adoptou o nome de Centro Gallego de Barcelona.
Ese mesmo ano inaugurouse a biblioteca Otero Pedrayo, que chegou a reunir un importante fondo bibliográfico de cultura e literatura galegas. Durante as décadas dos cincuenta e sesenta, o aumento da emigración galega a Cataluña favoreceu a consolidación da institución, que se converteu nun espazo de encontro e actividade cultural.
Entre os fitos da súa programación destaca a celebración dos Juegos Florales Gallegos, no Teatro Poliorama, en maio de 1950. A entidade tamén acolleu conferencias e cursos de figuras como Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Valentín Paz Andrade e Francisco Fernández del Riego.
Entre os materiais incorporados destacan os libros de actas das xuntas directivas correspondentes aos períodos 1960-1965 e 1965-1974, o libro de actas das asembleas xerais de 1948 a 1974 e a documentación da xunta directiva da masa coral, que abrangue de 1948 a 1953.
O fondo complétase cos rexistros de socios e socias, a documentación sobre o pagamento das cotas sociais, os estatutos de 1984 e programas de actividades celebradas en diferentes anos, desde as festas do Santiago Apóstolo ata exposicións de pintura galega, encontros culturais e actuacións musicais.
Tamén se conserva a memoria de actividades de 2010.
A incorporación destes documentos ao Arquivo de Fondos do CCG “contribúe á preservación dun patrimonio fundamental para investigar a emigración galega, as formas de organización da diáspora e a transmisión cultural fóra de Galicia”, informou o Consello da Cultura.
O Arquivo da Emigración Galega puxo en marcha en 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, unha iniciativa destinada á divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega.
A divulgación desta selección de fondos ten carácter periódico e permite achegar á cidadanía os documentos xerados por estas institucións, entre os que se atopan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade e documentación gráfica.
Entre as últimas entregas do proxecto figura documentación de sociedades como Hijos del Ayuntamiento de Oleiros, Hijos del Ayuntamiento de Abadín, Alianza Céltigos, Corbelle y sus contornos, Carballiño y su partido, Liga Santaballesa de Educación e Instrución, Progreso de Lanzós, El Valle del Oro, Centro Galego de Lisboa, Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro ou Casa de Galicia, entre outras entidades.
