
The Browser Company anunciou o peche definitivo do navegador Arc para o 22 de decembro de 2026. O equipo responsable do desenvolvemento concentrará a partir de agora os seus recursos de enxeñaría e seguridade en Dia, o navegador con funcións de intelixencia artificial que comezou a desenvolver tras abandonar a evolución de Arc o ano pasado.
A despedida producirase en varias fases. Desde o 23 de outubro xa non será posible crear novas contas de Arc. O 23 de novembro desactivaranse en iOS e Android as funcións de intelixencia artificial, incluída Browse for Me, e tamén se interromperán o acceso ás contas e a sincronización das lapelas. Finalmente, o 22 de decembro, Arc deixará de estar accesible en macOS e Windows, as contas serán desactivadas e Arc Search para Android desaparecerá de Google Play.
A decisión pon fin á evolución dun navegador web que introduciu cambios importantes na organización das lapelas, os espazos de traballo e a navegación web. Algunhas das súas ideas acabaron influíndo noutras propostas do mercado, mentres que a súa interface e o seu sistema de organización lle permitiron construír unha comunidade de usuarios especialmente interesada en alternativas aos navegadores tradicionais.
The Browser Company xustifica o peche pola necesidade de garantir a seguridade dos seus produtos nun momento no que a integración da intelixencia artificial incrementa os requisitos técnicos e de mantemento. O equipo considera que Dia, desenvolvido desde cero para cumprir os estándares de seguridade actuais, debe converterse no centro dos seus esforzos. A compañía asegura que o navegador xa supera Arc nas súas propias medicións de estabilidade, velocidade e seguridade.
A transición a Dia busca conservar boa parte da experiencia de uso de Arc. O proceso de importación permite trasladar contrasinais, marcadores, extensións e historial, ademais de manter a organización dos espazos de traballo, os cartafoles e os grupos de lapelas. As funcións habituais do navegador web estarán dispoñibles de balde, mentres que as capacidades de intelixencia artificial serán opcionais.
