
A célebre tenda en liña Playasia, especializada en videoxogos de edicións asiáticas e títulos exclusivos de determinadas rexións, suspendeu temporalmente a súa actividade tras sufrir durante semanas unha serie de ciberataques que cualifica de cada vez máis sofisticados e persistentes.
O anuncio fíxoo o director executivo da compañía, Jan Neuhäußer, a través das redes sociais, onde explicou que a decisión responde á necesidade de realizar unha auditoría completa de seguridade e reforzar os sistemas informáticos antes de recuperar o servizo.
«Despois de semanas de ataques cada vez máis sofisticados e persistentes contra nós e varios dos nosos socios de confianza, decidimos desconectar a web mentres completamos unha auditoría integral de seguridade e reforzamos os nosos sistemas», sinalou o responsable.
Neuhäußer sostén que os ataques non son feitos illados nin están dirixidos exclusivamente contra Playasia. Segundo explicou, os comentarios atopados no código fonte empregado polos atacantes indican que a tenda figura como un obxectivo numerado dentro dunha listaxe que incluiría decenas de miles de organizacións. O responsable interpreta esta información como un indicio dunha campaña coordinada de maior alcance.
Aseguran que xa comunicaron os incidentes ás autoridades competentes e ás unidades de loita contra o ciberdelito de distintos países, coas que continúan compartindo información para facilitar a investigación. Polo momento, non se detallaron publicamente as consecuencias concretas dos ataques nin se confirmou que se producise un acceso non autorizado aos datos dos clientes.
Fundada en 2002, Playasia leva case 24 anos vendendo videoxogos, xoguetes e artigos de colección, cunha especialización nas edicións asiáticas e nas versións en inglés de títulos que non sempre chegan aos mercados occidentais. A interrupción afecta a unha tenda especialmente coñecida entre os afeccionados que buscan edicións físicas difíciles de atopar en Europa.
O peche prodúcese nun período de especial preocupación pola seguridade na Rede, que algúns profesionais do sector están a denominar Black October. Entre os incidentes recentes figura a detección de vulnerabilidades críticas en PHP, unha linguaxe de programación moi estendida no desenvolvemento web. A Axencia de Seguridade Nacional estadounidense (NSA) advertiu do risco que supoñen estes fallos e recomendou actualizar os sistemas afectados ou desconectalos temporalmente se non é posible aplicar as correccións necesarias.
Non hai, porén, probas que relacionen os problemas de Playasia con esas vulnerabilidades de PHP nin cos ataques automatizados mediante axentes de intelixencia artificial que se están detectando na Rede.
«Volveremos», concluíu Neuhäußer na súa mensaxe, sen concretar unha data para a recuperación da tenda.
