
Investigadores e especialistas dos eidos xurídico, policial, educativo e sociolóxico xuntaranse en Santiago os días 29 e 30 de outubro na Facultade de Dereito da USC para debater sobre a expansión das formas dixitais de violencia machista, dende a prevención temperá e os deepfakes ata a resposta penal e o impacto dos nesgos de xénero na intelixencia artificial.
O Congreso sobre Violencias Machistas en Contornas Dixitais, dirixido polo profesor Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas e coordinado por María Castro Corredoira, do grupo de investigación en Dereito Penal e Crimonoloxía, desenvolverase na Facultade de Dereito estruturado en seis mesas de reflexión.
Logo do acto inaugural ás 10:30 horas, celebrarase a primeira das mesas sobre os mecanismos de prevención, na que participará a profesora da USC e pedagoga Patricia Alonso e o vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. A investigación policial das violencias (dixitais) de xénero será o tema co que se peche a sesión matinal.
Esta cita científica, para a que é preciso inscribirse previamente en liña, continuará tratando cuestións como a prostitución e a pornografía nos medios tecnolóxicos, os delitos por razón de xénero na rede, as fotos ultratratadas de carácter sexual e novas formas de violencia dixital, os nesgos de xénero na IA, as masculinidades en liña e a dixitalización do sistema pornoprostitucional.
Os relatorios correrán a cargo de persoas expertas de numerosas universidades españolas de prestixio no seu ámbito, das forzas e corpos de seguridade do Estado e de asociacións feministas.
Trátase dunha actividade financiada con cargo ao convenio entre a Consellaría de Política Social e Igualdade e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
