
O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, clausurou hoxe o congreso DataFórum 2026, cita referencial centrada na dixitalización da Xustiza que desta volta recalou na Coruña (este xoves e este venres). Na súa intervención, defendeu seguir incorporando a intelixencia artificial e outras tecnoloxías para axilizar a Xustiza, “sempre de forma responsable, orientándoas ao interese xeral e someténdoas ao control democrático”.
Así mesmo, lembrou que España ocupa as primeiras posicións nas clasificacións europeas de dixitalización deste servizo público.
O ministro tamén detallou que o Goberno traballa no desenvolvemento dunha ferramenta de intelixencia artificial xudicial que será das máis avanzadas do mundo e asegurará a soberanía tecnolóxica neste ámbito. O proxecto, que conta coa colaboración do Consello Xeral do Poder Xudicial, baséase “nunha IA capaz de propoñer resolucións, aínda que a decisión final debería ser sempre dos propios maxistrados”, sinalou, engadindo que “a mesma ferramenta asistiría aos xuíces en mancheas de tarefas, como a ordenación de antecedentes ou a procura e comparación de xurisprudencia”.
O novo sistema nutriríase exclusivamente das bases de datos xudiciais españolas, controladas polo CGPJ, contaría con tecnoloxía propia e sumaríase aos servizos baseados en IA e automatización que xa desenvolveu o Ministerio: ferramentas para axilizar recursos no Tribunal Supremo, xerar propostas de cualificación en delitos de alcoholemia, transcribir vistas, elaborar resumos, etc. No seu impulso participan tamén o Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública e o Barcelona Supercomputing Center – Centro Nacional de Supercomputación.
O acto de clausura do congreso DataFórum 2026 contou coa asistencia do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Pedro Calvo; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente do TSJ de Galicia, Ignacio Picatoste; e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, entre outros.
Durante tres días, 1.500 tecnólogos, profesionais do sector xurídico, representantes de administracións e do mundo académico analizaron na cita coruñesa os retos da dixitalización da Xustiza. “Unha dixitalización que ten como obxectivo un servizo público máis accesible e eficiente e que hoxe xa se traduce en aforro de horas de traballo (965 millóns de horas desde 2020), de miles de millóns de euros e de emisións contaminantes (250.000 toneladas de CO2 en 6 anos grazas á substitución dos expedientes de papel polos electrónicos)”, salientaron fontes do Ministerio.
Ademais de relatorios e debates, DataFórum acolleu un DATAthon, un concurso no que preto de 200 estudantes de 19 universidades de toda España desenvolveron in situ solucións tecnolóxicas innovadoras para responder a necesidades reais da Administración de Xustiza. Esta edición os gañadores foron o Premio ao mellor Prompt para a Universitat Oberta de Catalunya; o premio á Mellor Solución de Viabilidade Técnica para a Universidade da Coruña; o Reto 1 – Desigualdade silenciosa para a Solución: “Paso a Paso”; o premio á Solución Máis Innovadora para a Universidade Complutense e, por último, o Reto 2 – Infancia e Mocidade para a Solución: “Chavales legales”.
Na edición deste ano, a quinta, DataFórum Xustiza contou coa colaboración do Concello e a Universidade da Coruña, así como co apoio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado.
