
Hoxe é o día agardado por moitos incondicionais da compañía da mazá, xa que o primeiro smartphone encartable da marca chega a mans dos primeiros compradores.
Dado que a entrega dos pedidos en liña só quedou programa para este mes para uns poucos afortunados (dada a escaseza de unidades) non foron poucos os que optaron por acudir a unha tenda oficial de Apple para poder facerse cun iPhone Duo o día de lanzamento, para o que tiveron que facer ringleira dende onte.
Apple fixo unha grande despregadura nos seus establecementos oficiais, como na súa célebre tenda da Quinta Avenida de Nova York, onde instalaron no seu exterior unhas estruturas con forma de iPhone Duo de preto de 2 metros de altura para chamar a atención.

Pero tamén é rechamante o xeito no que se amosa o dispositivo no interior dos establecementos de Apple, xa que nalgúns locais están colocados sobre unha barra metálica na que o teléfono está a abrirse e pecharse continuamente para amosar de xeito espectacular a súa principal característica (aínda que noutros establecementos limítanse en colocar varios dispositivos estáticos amosando distintos niveis de apertura).

En España os primeiros compradores do iPhone Duo puideron entrar nas tendas ás 8 da mañá, coa tradicional recepción entre aplausos dos empregados dos establecementos, experiencia que parecen perseguir algúns seareiros da compañía de Cupertino, aínda que nalgún caso semella que buscan principalmente crear contido atractivo para publicar en redes sociais.
Cómpre salientar que só uns poucos puideron facerse cun iPhone Duo tras facer ringleira, xa que as existencias do dispositivo son moi limitadas e, aínda que a través da tenda en liña os prazos de entrega son moi elevados, si é posible facer cun dos agardados teléfonos en tendas físicas, aínda que o complicado é localizar cando e onde chegan unidades dispoñibles para a venda (proceso para o que existente numerosas aplicacións para usuarios impacientes).
