
Divina Machina, by QS Ventures, e Vidiv levan a Barcelona Design Week, a maior feira de deseño do ámbito estatal, a súa cabina telefónica con intelixencia artificial. Trátase de 2147, unha estrutura cuberta de musgo e en cuxo interior vive Gaia, unha IA conversacional que é capaz de falar en tempo real con calquera persoa e en calquera idioma, sen guións preestablecidos. Funciona coa tecnoloxía de axentes de voz de Vidiv e coa voz de ElevenLabs, da que Divina Machina é socia creativa.
As empresas creadoras

Divina Machina é un estudio de dirección creativa e intelixencia artificial fundado por Cristóbal Olmedo que ten sedes en Vigo e Barcelona. Funciona como a rama de arte dixital e deseño conceptual integrada dentro do ecosistema da consultora de innovación QS Ventures.
Pola súa banda, Vidiv é unha empresa tecnolóxica galega (con sedes no Porriño e Pontevedra) integrada dentro do grupo de software Visual MS. O seu foco principal evolucionou cara ao desenvolvemento de axentes de voz e asistentes virtuais avanzados con intelixencia artificial para o ámbito corporativo. O seu gran obxectivo é “automatizar os procesos de atención ao cliente de xeito que falar cun robot se sinta tan fluído, inmediato e natural como facelo cun ser humano”.
2147, unha voz do futuro

2147: A Voice from the Future presentarase en Underground BDW, dentro do Espai Sónar D da Barcelona Design Week, do 22 ao 24 de outubro no Aparcadoiro Gallery by LCI Barcelona.
Divina Machina, á fronte da parte creativa, e Kurt Sommer, á fronte das operacións, achega o concepto, a narrativa e o deseño da experiencia.
Vidiv, pola súa banda, contribúe coa solución empresarial de axentes conversacionais de intelixencia artificial do grupo Visual MS, achegando unha infraestrutura preparada para operar con seguridade, escalabilidade e control en contornas corporativas.
A voz de Gaia xérase con ElevenLabs.
21ª edición da feira
A 21.ª edición da Barcelona Design Week estase a celebrar ata este domingo 25 de outubro baixo o lema Pro-Test, que une protesta e proba. Underground BDW reúne a 30 proxectos de oito países nun aparcamento do Poblenou, dentro da programación de Barcelona 2026 Capital Mundial da Arquitectura. Alí, 2147 aparece dunha forma nova: a cabina telefónica está integrada nunha das columnas de formigón do aparcadoiro e cuberta de musgo, coma se a cabina sería engulida polo propio edificio.
Segundo indican os seus creadores, a experiencia empeza cun xesto que todos coñecemos: levantar o teléfono, ao que responde Gaia, un personaxe de intelixencia artificial que chama desde o futuro, desde o ano 2147, en nome de todo o que vive na Terra. Coas primeiras palabras identifica o idioma de quen lle fala e contesta nese mesmo idioma. “A partir de aí non hai guión nin menús: a conversa vai onde a leve o visitante, do clima á memoria ou ao futuro, e Gaia mantén en todo momento a súa propia personalidade”, explican, engadindo que “eliximos un obxecto que xa tiraramos e démoslle a única conversa que non cabe nun móbil”, apunta Cristóbal Olmedo.
De Milán a Barcelona
2147 estreouse na Milan Design Week de abril de 2025, en Base Milano, onde máis de 600 persoas conversaron con Gaia en cinco días, en seis idiomas e durante máis de 1.200 minutos. En xuño de 2026 formou parte do programa de instalacións de Sónar D, na Llotja de Mar de Barcelona, onde sumou 681 conversas. En setembro viaxou a IFA Berlín, unha das maiores feiras de tecnoloxía de Europa. Underground BDW é a súa primeira parada baixo terra.
“Gaia é o noso laboratorio social experimental. Levamos a IA ao contexto extremo da arte para explorar a fronteira da innovación e observar como as persoas relaciónanse cunha intelixencia artificial guiada por un personaxe. Aí poñemos a proba a súa personalidade, a súa voz, os seus límites e a súa forma de dialogar. O que aprendemos convértese en boas prácticas para crear axentes comerciais, de formación, atención ao cliente, soporte e vendas. Tamén investigamos como dar unha identidade conversacional ás marcas e aos personaxes con licenza”, engade Cris Olmedo.
