
O 83 % das grandes empresas galegas utiliza programas de código aberto, fronte ao 79,1 % da media estatal, segundo a última enquisa do INE sobre o uso das TIC e o comercio electrónico nas empresas, correspondente ao período 2025-2026.
Galicia ocupa a primeira posición entre as comunidades autónomas no uso de software libre no tecido empresarial, cunha porcentaxe que supera en case catro puntos a media española. Os datos reflicten unha implantación especialmente elevada das ferramentas abertas nas grandes empresas galegas.
Os navegadores de Internet son a categoría de software de código aberto máis estendida, cunha presenza do 93,41 % nas empresas galegas. Séguenlles as aplicacións ofimáticas, utilizadas polo 73,42 %, e os sistemas operativos, cun 49,71 %.
O software libre tamén ten presenza nos servizos de seguridade e nas plataformas de aprendizaxe e correo electrónico, cun 41,88 %; nas aplicacións de planificación de recursos empresariais e xestión de clientes (ERP e CRM), cun 31,55 %; nos servidores web, cun 27,81 %; e nos xestores de contidos para páxinas web, cun 27,46 %. As ferramentas de análise de grandes volumes de datos (Big Data) sitúanse no 12,11 %.
A intelixencia artificial tamén gaña terreo nas empresas de maior tamaño. O 24,6 % das grandes compañías galegas emprega estas tecnoloxías na súa actividade produtiva, nove puntos porcentuais máis que un ano antes.
A dixitalización empresarial tamén se reflicte na xestión interna. O 64,7 % das empresas galegas con dez ou máis traballadores e conexión a Internet utiliza programas de planificación de recursos empresariais, fronte ao 60,9 % da media estatal. Esta porcentaxe sitúa Galicia entre as cinco comunidades con maior implantación destas ferramentas.
A conectividade é outro dos indicadores nos que destaca Galicia. O 88,3 % das grandes empresas dispón de conexións a Internet de polo menos 100 Mbps, a porcentaxe máis elevada do Estado. Ademais, o 79,8 % das grandes empresas galegas con acceso á rede conta con páxina web e o 30,6 % permite o teletraballo.
A formación tecnolóxica e a seguridade informática tamén avanzan. O 16,9 % das grandes empresas ofreceu formación en tecnoloxías da información e a comunicación ao seu persoal durante 2025, e no 37,9 % deses casos os cursos foron impartidos por traballadores da propia organización. Pola súa banda, a porcentaxe de grandes empresas que contratou especialistas en TIC para tarefas de ciberseguridade pasou do 3,6 % ao 6,1 % nun ano.
As empresas de menos de dez traballadores presentan unha implantación dixital máis limitada. O 29,5 % utiliza redes sociais e o 35,9 % dispón de páxina web, cifras que amosan unha diferenza considerable respecto das organizacións de maior tamaño.
