
PuntoGal recibiu o Premio CIBER.gal 2026 á mellor iniciativa para a cidadanía polo seu proxecto de caixas de ferramentas gratuítas para mellorar a seguridade dixital de persoas e organizacións. O presidente da entidade, Manuel González González, recolleu o galardón esta mañá durante o VI Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, celebrado no edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia.
O xurado recoñeceu o traballo desenvolvido desde 2022 para achegar recursos prácticos que permitan mellorar a protección na rede e adoptar hábitos dixitais máis seguros. A iniciativa reúne catro coleccións de ferramentas adaptadas ás necesidades das pequenas e medianas empresas, os xornalistas, as organizacións non gobernamentais e a cidadanía en xeral.
Catro caixas de ferramentas publicadas entre 2022 e 2026
O proxecto arrancou no outono de 2022 coa publicación da primeira caixa, destinada ás pemes. En abril de 2023 chegou a adaptación para profesionais da comunicación, especialmente xornalistas, á que posteriormente se sumou outra dirixida ás organizacións non gobernamentais. A serie completouse a principios de 2026 cunha última colección aberta á cidadanía.
Os recursos proceden da Global Cyber Alliance (GCA), organización internacional especializada na redución dos riscos cibernéticos. PuntoGal encárgase de traducilos, adaptalos e actualizalos para o público galego, incorporando os cambios que se producen nas ferramentas recomendadas.
As catro caixas de ferramentas ofrecen solucións gratuítas para reforzar a seguridade das redes e das contas de correo electrónico, protexer os medios de pagamento, preservar a confidencialidade das comunicacións e mellorar a protección dos datos. Os materiais están organizados por ámbitos de actuación para facilitar a súa utilización mesmo por parte de usuarios sen coñecementos técnicos especializados.
A iniciativa conta coa colaboración da Global Cyber Alliance, así como do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidades que contribúen a ampliar o alcance e a especialización dos recursos.
O presidente de PuntoGal, Manuel González González, destacou que a seguridade dixital é unha responsabilidade compartida e agradeceu especialmente o traballo da Global Cyber Alliance, que permite adaptar os recursos orixinais e poñelos ao alcance de diferentes colectivos.

