
A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña acollerá este sábado, día 7 de novembro, ás 11:30 horas, o acto de inauguración da primeira edición de STEM Talent Girl na cidade da Coruña, unha iniciativa da Fundación ASTI que busca espertar, desenvolver e consolidar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as mozas.
O programa, que conta coa colaboración local de Cabreiroá, está dirixido a alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e estudos universitarios.
A través de actividades formativas, encontros con profesionais e accións de orientación académica e laboral, pretende achegar as participantes ás disciplinas STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), ofrecéndolles referentes femininos e acompañándoas no seu desenvolvemento académico e persoal.
O acto inaugural reunirá as alumnas da presente edición xunto coas súas familias, mentoras, representantes de centros educativos e entidades colaboradora.
Un programa de inspiración e mentoring

STEM Talent Girl é un programa nacional e gratuíto cunha duración de oito meses que busca promover o talento feminino nos ámbitos científico e tecnolóxico, contribuíndo a combater os nesgos de xénero que poidan condicionar as súas eleccións académicas e profesionais.
A iniciativa conta cunha comunidade de máis de 9.000 mozas e dispón de 15 sedes presenciais en Castela e León, Estremadura, Madrid, Málaga, Valencia e Zaragoza, ademais da cidade da Coruña, que se suma este ano por primeira vez; ademais dunha sede en liña.
A programación adapta os seus contidos ás distintas etapas educativas e inclúe obradoiros científicos e tecnolóxicos, visitas a contornas profesionais, encontros con mentoras, retos de divulgación e proxectos STEM, así como actividades de orientación vocacional e empregabilidade.
A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC acollerá diversas actividades deste programa, contribuíndo a achegar o ámbito universitario ás novas xeracións e a dar a coñecer as posibilidades de formación e desenvolvemento profesional no sector marítimo e tecnolóxico
.

