
A investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), centro da Rede CIGUS, e catedrática da Universidade da Coruña, María Amparo Alonso Betanzos, recibiu o Premio Nacional de Informática José García Santesmases na cerimonia de entrega da décima edición dos Premios de Investigación da Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA.
Amparo Alonso, que traballa no desenvolvemento de modelos de “intelixencia artificial frugal”, con capacidade para acadar altos niveis de rendemento con menos recursos computacionais (e polo tanto cun menor impacto ambiental), salientou a orientación ética que debe guiar o desenvolvemento sustentable desta tecnoloxía: “Necesitamos unha IA potente e innovadora, pero non a calquera prezo. Explicable cando a necesitemos, responsable por deseño e sobre todo unha tecnoloxía que poidamos comprender, adaptar e controlar”, afirmou.

A investigadora do CITIC engadiu que lle gustaría que a súa investigación contribuíse a que “o futuro da IA non o determine só o que a tecnoloxía pode facer, senón tamén o que decidimos que debe facer”.
O galardón recoñece a súa traxectoria investigadora e docente no ámbito da intelixencia artificial, así como o seu papel na promoción e o impulso desta disciplina. O xurado destacou especialmente as súas contribucións pioneiras ao desenvolvemento dunha intelixencia artificial con marxe de evolución e adaptación, doada de comprender e respectuosa co medio ambiente.
Xunto a Amparo Alonso, os Premios Nacionais de Informática recoñeceron a José Hernández-Orallo (Premio Aritmel), a Javier García Zubía (Premio Ramón Llull) e á empresa INSITU, spin-off da Universidade de Vigo (Premio Ángela Ruiz Robles). Na modalidade de Investigadores Novos en Informática, os galardoados foron Paula Delgado de Santos, Lorenzo Mur-Labadía, Aurora Polo Rodríguez, José Luis Pontón Martínez, Oscar Sainz Jiménez e Eduardo Sebastián Rodríguez. Os seus traballos aplícanse en campos como a intelixencia artificial, a robótica, a realidade virtual, a biometría e o desenvolvemento de dispositivos para o coidado de persoas maiores ou dependentes.

