
Unha de cada catro tendas en liña da nosa terra presenta deficiencias legais graves ou críticas. Esta é a gran conclusión dunha investigación realizada pola firma galega Visual Publinet sobre 1.106 comercios electrónicos da nosa comunidade. No informe tamén se di que o 26,4% atópase nos dous niveis de maior risco da análise, mentres que só o 8,8% supera as comprobacións sen incidencias.
Visual Publinet sostén ademais que as diferencias son especialmente acusadas entre provincias. En Pontevedra, o 33,2% dos negocios examinados presenta problemas graves ou críticos, máis do dobre que en Lugo (15,2%). Ourense sitúase no 25,8% e A Coruña no 17,4%.
Das 292 empresas peor cualificadas de Galicia, 192 están na provincia pontevedresa.
O estudo, realizado con datos de outubro de 2026, examina a información legal accesible publicamente nas tendas: desde a identificación do vendedor e a protección de datos ata as condicións de contratación, as devolucións ou as vías de reclamación. A puntuación media é de 65,9 sobre 100, aínda que só 97 empresas alcanzan la máxima categoría, sen incidencias detectadas.
A brecha territorial é un dos resultados máis rechamantes. Pontevedra reúne o 52% dos comercios analizados, pero acumula o 66% dos casos graves ou críticos. A diferencia é aínda maior no nivel F, o máis desfavorable: 77 de las 97 empresas que reciben esta cualificación están en Pontevedra, practicamente oito de cada dez.
A provincia obtén unha nota media de 62,4 puntos, fronte aos 71,1 de Lugo, que presenta os mellores resultados. A Coruña alcanza 70,9 e Ourense, 66,1.
Reclamar unha compra, o principal punto débil
O informe sinala que as maiores eivas “non aparecen na identificación das empresas, senón na información e os procedementos relacionados cos dereitos do consumidor”.
O bloque dedicado aos mecanismos de reclamación obtén apenas o 44% da puntuación, que é, segundo lembra Visual Publinet, “o peor resultado entre as obrigas xerais examinadas”. O dereito de desistencia, que permite renunciar a determinadas compras a distancia dentro do prazo legal, alcanza o 60%.
En cambio, a identificación do vendedor consegue o 90% dos puntos e as obrigacións de privacidade e cookies, o 86%.
Máis dun terzo das tendas avaliadas, o 36,3%, presenta polo menos unha alerta crítica. Dous de cada tres avisos están relacionados co dereito de desistencia. A bastante distancia aparecen os problemas de seguimento dixital sen un mecanismo axeitado de consentimento, que representan o 15,3% das alertas.
Os servizos en liña, os peor parados
As diferencias tamén son importantes segundo a actividade. Os negocios que venden servizos en liña obteñen os peores resultados do estudo: o 71% dos 91 examinados presenta deficiencias graves ou críticas e ningún alcanza o nivel máis alto de cumprimento.
A súa puntuación media é de apenas 44,6 sobre 100, máis de vinte puntos por baixo do conxunto galego. O contraste coas tendas de téxtil e moda é notable: entre os 349 comercios desta categoría, a nota media alcanza os 72 puntos e só o 12% recibe unha cualificación grave ou crítica.
O informe foi publicado por Visual Publinet para a súa consulta en liña.
I

