
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o vicepresidente de Afundación, a Obra Social de Abanca, Santiago Camba Bouzas, presentaron en Vigo os detalles da instalación inmersiva e itinerante Hábitats. Natureza estendida, que abrirá as súas portas na sede de Afundación Vigo (Abanca) o vindeiro día 12 de novembro, achegando á cidadanía unha mirada ampla e innovadora sobre a relevancia da biodiversidade.
López Campos apuntou “a importancia de levar Hábitats a outras localidades de Galicia máis alá da súa instalación orixinal na Cidade da Cultura, para que todas as galegas e galegos poidan vivir esta aventura dixital centrada na biodiversidade do planeta”.

López Campos destacou o éxito desta experiencia inmersiva, que no ano 2023 esgotou as entradas durante os seus tres primeiros meses no Museo Centro Gaiás. “A boa acollida que tivo na Cidade da Cultura levou a apostar pola súa itinerancia noutras cidades. Tras o seu paso pola Coruña, onde tamén rexistrou unha excelente resposta do público, a exposición suma xa case 20.000 visitantes entre ambas cidades e chega agora a Vigo grazas á colaboración entre Afundación e a Xunta”, subliñou.

O vicepresidente de Afundación salientou que neste proxecto a obra social de Abanca identificou de inmediato a presenza dalgunhas das súas liñas estratéxicas, como son a innovación, a sostibilidade e o progreso das persoas e as sociedades a través da cultura: “Cremos firmemente na necesidade de orientar as novas tecnoloxías cara a proxectos que promovan condutas responsables e comprometidas, como Hábitats. Esta experiencia incide na importancia de protexer non só os animais, senón tamén os ecosistemas nos que viven, unha mensaxe que xa abordamos noutras propostas de Afundación, como a mostra Emocións en perigo, do recoñecido fotógrafo de natureza Tim Flach”.
Hábitats. Natureza estendida combina arte e tecnoloxía ao servizo dun relato para todos os públicos que promove a descuberta e a responsabilidade á hora de relacionarnos co medio ambiente, explicaron dende a Xunta e Abanca, salientando que “poñer as lentes de realidade virtual permite viaxar polos cinco continentes, observar de preto e mesmo tocar animais e plantas como axolotes, leoas, corais, acacias, focas, elefantes e ata unha balea en escala real”.
Producida pola Cidade da Cultura e deseñada polos irmáns Noela e Carlos Seijo, fundadores do estudo audiovisual galego Maxina, a experiencia recrea os ecosistemas de nove lugares do planeta empregando elementos de realidade virtual e aumentada. Esta tecnoloxía permite, coas lentes postas, ver en todo momento o mundo físico ao redor e moverse de maneira segura polo espazo.

