
O Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, acolleu hoxe un encontro aberto á cidadanía para achegar á poboación coñecementos básicos sobre intelixencia artificial e abordar os retos que presenta o seu uso na sociedade. A cita, organizada pola Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, reuniu a preto de 80 persoas no salón de actos.
Entre os asistentes houbo profesionais do sector empresarial, de xestorías e da administración, así como persoas interesadas na lexislación relacionada coa IA. Todos coincidiron no seu interese por unha tecnoloxía que percibiron maioritariamente “como unha ferramenta presente no día a día” e con aplicacións nos distintos ámbitos.
A xornada tamén abordou o papel da intelixencia artificial na difusión da desinformación, “xa que estas ferramentas permiten crear imaxes, vídeos e audios falsos cada vez máis realistas, así como producir e propagar contidos enganosos a grande escala”, sinalou a Deputación de Lugo.

No encontro púxose o foco na importancia de desenvolver unha mirada crítica e aprender a verificar a información antes de compartila e tamén salientouse a menor presenza das mulleres no desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías. Seguindo este fío, alertouse sobre os nesgos e estereotipos que poden reproducir os sistemas, afondando na brecha de xénero con consecuencias en ámbitos como o emprego, a igualdade de oportunidades ou a seguridade dixital.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na apertura institucional da xornada que permitiu tamén tratar cuestións de funcionamento da intelixencia artificial e as posibilidades que ofrece.
A celebración deste encontro coincide co desenvolvemento da estratexia propia de intelixencia artificial da Deputación de Lugo, MencIA 2026-2030, orientada a estudar e impulsar a aplicación destas ferramentas nos servizos públicos e nos concellos da provincia, especialmente nos de menor tamaño. Participaron no evento o xefe do Servizo de Comunicación e TIC.
Neste ámbito, os Orzamentos da institución provincial para 2027 contemplan unha partida destinada a continuar o desenvolvemento da estratexia e avanzar na súa aplicación no ámbito municipal, tamén como apoio aos procesos administrativos.
Para a Deputación de Lugo, “a incorporación da intelixencia artificial á Administración debe entenderse como unha ferramenta de apoio ao traballo dos empregados públicos, non como un substituto das persoas”. O seu uso, engade, “pode contribuír a simplificar tarefas e axilizar determinados procedementos, mantendo a supervisión profesional e o criterio humano”.

