
A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago acolle estes días a celebración do Congreso Internacional da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial (reFIA), unha cita para traballar colectivamente nos grandes retos conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos, sociais e culturais que presenta a IA.
Na inauguración, a reitora Rosa Crujeiras sinalou que “a intelixencia artificial adoita abordarse en termos de progreso tecnolóxico, eficiencia, produtividade ou competitividade. Sen dúbida, estas son dimensións importantes. Pero non son suficientes para comprender o que está a acontecer nin para decidir que tipo de futuro queremos construír. Tamén necesitamos formular preguntas máis fundamentais”.
A reitora lembrou que as universidades teñen unha responsabilidade “que vai máis alá de adoptar novas tecnoloxías ou de preparar profesionais para os mercados laborais emerxentes”. E engadiu, seguindo este fío: “Debemos axudar á sociedade a comprender as transformacións que se están a producir, fomentar un debate público informado e contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías que respecten os dereitos humanos, os valores democráticos e o ben común”.
Ademais da reitora, tamén participaron no acto inaugural o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o decano da Facultade, Martín Pereira Fariña; a directora do Instituto de Investigación en Humanidades da USC (iHUS), Laura Mª Lojo Rodríguez; e o presidente do comité organizador e coordinador da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial, o profesor da USC Xavier de Donato Rodríguez.

Ao longo de tres días, a Facultade será espazo de reflexión para filósofos e filósofas e persoal investigador de distintas disciplinas. A axenda abrangue conferencias plenarias a cargo de especialistas convidados, comunicacións e simposios temáticos que abordarán un amplo abano de cuestións relacionadas coa filosofía da IA. Entre as persoas relatoras convidadas figuran Mark Coeckelbergh, da Universidade de Viena; Adela Cortina, da de Valencia; Javier Echeverría, da EHU; Migle Laukyte, da Pompeu Fabra; e Vincent C. Müller, da Universidade Friedrich-Alexander de Erlangen-Núremberg.
O congreso contará, así mesmo, con sesións paralelas e simposios dedicados, entre outras cuestións, á conciencia artificial e a axencia, a epistemoloxía da intelixencia artificial, á gobernanza algorítmica, á ética e á responsabilidade, á linguaxe e á interacción entre seres humanos e sistemas de intelixencia artificial, á creatividade, á educación e ás implicacións sociais e políticas destas tecnoloxías.
O comité científico internacional do encontro está presidido polo profesor da USC Xavier de Donato Rodríguez, presidente da reFIA, organización académica sen ánimo de lucro que se constituíu en 2025 na USC co propósito de articular un ámbito común para a reflexión filosófica sobre a intelixencia artificial e as súas implicacións na ciencia, a técnica e a sociedade.

