
A exposición dixital Castelao. A derradeira leición do mestre, promovida pola Deputación para o Museo de Pontevedra, é finalista no apartado de Mellor deseño dixital nos Premios Paraugas, uns galardóns que recoñecen os mellores traballos do ano no ámbito da comunicación e da mercadotnecia en Galicia. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o próximo 13 de novembro en Ferrol.
O vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, amosou a súa satisfacción por este nomeamento, que considera “un recoñecemento ao traballo realizado para que unha exposición tan importante como a de Castelao poida seguir estando ao alcance do público, mesmo despois de pechar as súas portas”.
Domínguez destacou que a versión dixital permite prolongar a vida dunha mostra que tivo unha gran resposta por parte da cidadanía e que foi especialmente significativa para o Museo.
“Queriamos que todo o que se viviu arredor desta exposición non quedase só nos meses que estivo aberta. A versión dixital permite volver visitar a sala, acceder ás conferencias e coñecer detalles que quizais pasaron desapercibidos na visita presencial”, explicou. Para Domínguez, esta candidatura é unha boa noticia para o Museo e tamén para todas as persoas que participaron na organización e no desenvolvemento do proxecto.
Castelao. A derradeira leición do mestre é a versión dixital e expandida da mostra que do 25 de xuño ao 27 de setembro exhibiu no Museo de Pontevedra o icónico cadro que Castelao pintou en 1945. Foi desenvolvida pola axencia Orestes Comunica e está dispoñible na web do Museo, onde as persoas usuarias poden percorrer a sala tal como estivo durante os meses que a mostra permaneceu aberta.
Ao devandito engádense as explicacións do xornalista Arturo Lezcano como guía virtual e a integración de varios vídeos nos que persoas expertas analizan diferentes aspectos e se recuperan momentos especialmente significativos da exposición.
A exposición dixital permítenos percorrer a sala a través de 47 puntos navegables nos que se despregan 30 puntos interactivos: cartelas e imaxes das pezas e obras expostas e vídeos integrados na propia navegación. Inclúense as conferencias íntegras impartidas por Ángeles Tilve, Ramón Villares, Henrique Monteagudo e Manuel Gago, así como vídeos breves de carácter divulgativo nos que interveñen Tilve, Villares, Monteagudo, os representantes do Centro Galicia de Buenos Aires ou Miguel Anxo Seixas. Tamén se recollen momentos destacados dos tres meses de exposición, como a saída do cadro de Bos Aires, a chegada a Pontevedra ou a celebración do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, co depósito por parte de Amalia Bóveda das cascas do piñeiro fronte ao que o seu pai foi fusilado. Completan os contidos outros vídeos coas impresións do público, dos escolares galegos, do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e da comunidade galega en Arxentina.
A mostra estivo aberta no Museo de Pontevedra do 25 de xuño ao 27 de setembro. En tres meses visitárona 26.376 persoas.
Boa parte do protagonismo da exposición recaeu no cadro que Castelao pintou para o Centro Orensano de Buenos Aires no ano 1945 e que estaba en Galicia por segunda vez, a primeira que chegaba a Pontevedra.
Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Buenos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cedeu temporalmente para esta exposición e onde agora regresou.
A mostra coincidiu coa conmemoración do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil e do asasinato de Bóveda.
