
O Goberno de Vigo aprobou a semana pasada o convenio de colaboración entre o Concello e a plataforma de streaming Disney+, un acordo que reflicte a unión entre dúas marcas que “sumarán forzas para ofrecer experiencias únicas á cidadanía e visitantes”, indicaron. O acordo recolle que o sábado, 14 de novembro, ás 17.00 horas celebrarase un desfile parade que traerá á rúa García Barbón o universo de Disney+.
O alcalde, Abel Caballero, sinalou que con este proxecto “Vigo contará con experiencias inéditas de Disney+ deseñadas integramente para o Nadal da cidade”. O obxectivo destas accións é sorprender e contribuír ao ambiente festivo. O acordo entre Concello e Disney+ recolle dúas grandes propostas:
por unha banda prevese a instalación dunha ornamentación tridimensional na rúa Policarpo Sanz, que incluirá solucións tecnolóxicas avanzadas de iluminación, tratamento da luz, efectos visuais e interacción coa contorna urbana; e pola outra celebrarase un desfile parade ao longo da rúa García Barbón, que contará coa presenza de inchables de elevadas dimensións que representan personaxes de Disney+, así como dunha cabalgata de personaxes caracterizados e con coreografías e músicas distintivas.
Tal e como recolle o convenio “esta cooperación permitirá reforzar a proxección internacional de Vigo, ao tempo que Disney+ terá a posibilidade de ser partícipe dunha das celebracións de Nadal máis recoñecidas de España”.
