
A Universidade da Coruña celebrou este sábado 7 de novembro a primeira edición de Abastos de Ciencia, unha iniciativa que converteu o Mercado de San Agustín da cidade nun espazo de encontro entre a divulgación científica, a experimentación e a gastronomía. A proposta, enmarcada no proxecto InPacto, combinou obradoiros participativos, mesas redondas e actividades gastronómicas e culturais co obxectivo de achegar a investigación universitaria á cidadanía e a públicos de todas as idades.

As persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de preto o traballo investigador que se desenvolve nos diferentes centros, facultades e grupos da UDC, a través dunha programación que abrangueu disciplinas tan diversas como a fisioterapia, a informática, a enxeñaría, a economía, a sustentabilidade, a educación, a historia, a xeoloxía e as ciencias sociais, entre outras.
Durante esta cita coa ciencia celebráronse catro mesas redondas protagonizadas por persoal investigador Ramón y Cajal da UDC, que desenvolve a súa actividade en diferentes centros de investigación da universidade, como o CICA, o CITEEC, o CITENI e o CITIC. Os encontros permitiron abordar cuestións de actualidade científica desde perspectivas multidisciplinares.
A primeira conversa (Un planeta en transformación: pasado, presente e futuro), contou coa participación de Armand Hernández Hernández, Pablo Pita Orduna, Blanca Moncunill Solé e Luis Alejandro Blanco Calvo. A segunda, Comprender o invisible: modelos, simulacións e novas tecnoloxías, reuniu a José Luis Rodríguez Sánchez, Jose A. Iglesias Guitián e Antonio José Álvarez Naveira.
Tras unha pausa para o café, a programación continuou coa mesa As fronteiras da medicina: detectar, tratar e rexenerar, na que participaron Juan Antonio Fafián Labora, Aurora Rodríguez Rodríguez, María Elena Rodríguez García-Rendueles e Ana Rey Rico. A última das conversas, Cerebro e vida cotiá: como pensamos, nos comunicamos e regulamos o corpo, contou coa participación de José Luís Pardo Vázquez, Silvia Martínez Ferreiro, Luís Varela Fernández e Diego Álvarez Estévez.
Obradoiros para experimentar coa ciencia

Ademais das mesas redondas, Abastos de Ciencia ofreceu unha ampla programación de actividades prácticas e participativas que permitiron achegarse á investigación universitaria desde diferentes ámbitos do coñecemento. Así, desenvolvéronse diversos obradoiros simultáneos e abertos a todos os públicos, propostas que abrangueron temáticas moi variadas, desde a saúde e a evolución humana ata a informática, a intelixencia artificial, a computación cuántica e a enxeñaría. As persoas asistentes puideron coñecer estratexias para o manexo da artrose de xeonllo, experimentar coa xeración de enerxía eólica, descubrir como se aplican os algoritmos ao estudo do sono ou explorar os principios da mecánica cuántica a través de xogos e demostracións.
A programación veu da man de persoal investigador de diferentes facultades, dos centros de investigación da UDC e de interuniversitarios como ECOBAS.
