
A Universidade da Coruña acolleu antonte, na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o acto de inauguración da primeira edición de STEM Talent Girl na cidade. Trátase dunha iniciativa da Fundación ASTI que busca espertar, desenvolver e consolidar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as mozas, achegándoas ás disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
O programa, que conta coa colaboración local de Cabreiroá, está dirixido a alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e estudos universitarios. A través de actividades formativas, encontros con profesionais e accións de orientación académica e laboral, “ofrece ás participantes a oportunidade de coñecer diferentes ámbitos científicos e tecnolóxicos, entrar en contacto con referentes femininos e recibir acompañamento no seu desenvolvemento académico e persoal”, informou a Universidade da Coruña.
O acto inaugural reuniu as alumnas participantes nesta edición, xunto coas súas familias, mentoras, representantes de centros educativos e entidades colaboradoras, e marcou o inicio do programa na cidade da Coruña.
STEM Talent Girl é un programa nacional e gratuíto, cunha duración de oito meses, que ten como obxectivo “promover o talento feminino nos ámbitos científico e tecnolóxico e contribuír a combater os nesgos de xénero que poden condicionar as eleccións académicas e profesionais das mozas”.
A iniciativa conta cunha comunidade de máis de 9.000 participantes e dispón de 15 sedes presenciais en Castela e León, Estremadura, Madrid, Málaga, Valencia e Zaragoza, ás que se suma este ano, por primeira vez, a cidade da Coruña, ademais dunha sede en liña.
A programación adapta os seus contidos ás distintas etapas educativas e inclúe obradoiros científicos e tecnolóxicos, visitas a contornas profesionais, encontros con mentoras, retos de divulgación e proxectos STEM, así como actividades de orientación vocacional e empregabilidade.
