
O Consello da Xunta aprobou as bases e a convocatoria do concurso público para adxudicar unha licenza autonómica de televisión dixital terrestre (TDT) de titularidade privada que quedou vacante tras a renuncia do anterior titular.
As entidades interesadas deberán presentar un proxecto que será avaliado atendendo a tres criterios principais: a calidade e os contidos da programación, a viabilidade económica e financeira e a solvencia técnica e tecnolóxica para garantir emisións cos actuais estándares de calidade.
O procedemento terá un prazo máximo de resolución de doce meses desde a publicación da convocatoria, segundo establece a normativa vixente. Os participantes deberán achegar unha garantía provisional para concorrer ao proceso.
A entidade que resulte adxudicataria terá que aboar a taxa correspondente antes de iniciar as emisións.
