
O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se crea o Rexistro galego de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT), unha ferramenta coa que se pretende centralizar e facilitar a consulta da información administrativa sobre os usos e as ocupacións da costa galega. O sistema contará cun visor dixital de acceso público que permitirá localizar as concesións e consultar os datos asociados a cada unha delas.
O novo rexistro busca reforzar a transparencia e a seguridade xurídica para os cidadáns, os sectores económicos e as administracións implicadas na xestión do litoral. A información actualizarase de oficio, tanto no relativo ás inscricións dos títulos habilitantes como ás modificacións que se produzan posteriormente, co obxectivo de manter unha base de datos ordenada e actualizada.
O acceso será público, coas garantías correspondentes en materia de protección de datos persoais. Tamén se poderán emitir certificacións dixitais sobre o contido do rexistro e solicitar a rectificación ou actualización dos datos inscritos.
A previsión é que o sistema estea operativo antes de que remate o ano. Estará dispoñible na web de Galicia Litoral unha vez transcorran 20 días desde a publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia. Na súa posta en marcha incluiranse as autorizacións e concesións outorgadas pola Xunta desde que asumiu as competencias de ordenación e xestión do litoral, o 1 de xullo de 2025.
A incorporación da documentación realizarase por fases. Primeiro incluiranse os títulos concedidos polo Goberno galego desde o traspaso de competencias e, progresivamente, sumaranse as novas solicitudes de ocupación da costa e as autorizacións e concesións anteriores á transferencia que continúen vixentes.
A integración dos expedientes previos require revisar a documentación remitida polo Goberno central durante o proceso de transferencia. Os arquivos chegaron en sucesivos lotes, en lugar de facelo de maneira unitaria, e presentan deficiencias formais e estruturais que deben ser corrixidas antes da súa incorporación.
O visor dixital permitirá consultar a información dispoñible no rexistro, incluídas as concesións aprobadas pola Xunta e os datos relativos aos servizos de temporada. Entre os elementos que se poderán consultar figuran as coordenadas xeográficas e a superficie ocupada por cada concesión, información que permitirá identificar a distribución territorial das distintas actividades desenvolvidas no litoral.
