
A historia de Abegondo, os seus espazos máis emblemáticos e as tradicións que forman parte da identidade do municipio contan dende hoxe cunha nova maneira de chegar á veciñanza e ás persoas visitantes. A través dunha placa con código QR instalada no albergue de peregrinos de Presedo, o proxecto Camiño Sénior abre unha xanela dixital ao patrimonio local, reunindo nun só espazo historias, coñecementos e recursos culturais que permiten descubrir o concello desde diferentes perspectivas.
A iniciativa levouse a cabo no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e é un proxecto impulsado pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS) en colaboración coa Asociación Canal Sénior que busca aproveitar as posibilidades da tecnoloxía para conservar e divulgar o patrimonio material e inmaterial dos municipios galegos vinculados ao Camiño de Santiago.
A instalación da placa contou coa presenza do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, e da responsable do Departamento de Cultura do Concello, Mar Carro, nun encontro que permitiu dar a coñecer esta nova ferramenta de divulgación cultural.
Explicaron que a proposta tamén busca dar voz ás persoas que coñecen e manteñen viva a súa historia, recuperar tradicións e fomentar o intercambio de coñecementos entre xeracións, convertendo a memoria colectiva nun patrimonio accesible para toda a sociedade.
Entre os contidos elaborados no marco do proxecto destaca un podcast cunha entrevista a Alfredo Erias, artista e investigador vinculado á divulgación da historia e do patrimonio galego, que achega unha mirada especializada á riqueza cultural da contorna.
A proposta complétase cun vídeo en formato vertical que percorre diferentes lugares de interese do municipio, unha infografía cos principais puntos que visitar e un artigo dedicado ao Mesón-Museo Xente no Camiño, situado en Presedo, en pleno Camiño Inglés.
Ademais da divulgación turística e cultural, Camiño Sénior busca recuperar e transmitir coñecementos que forman parte da memoria colectiva dos municipios galegos, dando protagonismo aos maiores. Nesta liña, unha das actividades máis destacadas en Abegondo foi a entrevista interxeracional realizada coa participación do alumnado do IES de Viós, unha proposta que promove o encontro entre nenos e maiores para compartir experiencias, lembranzas e formas de entender a vida no municipio.
A conservación dos oficios e tradicións artesanais foron tamén protagonistas deste proxecto a través dunha actividade presencial na que se deu voz á arte das palilleiras, emitida á súa vez en formato online para chegar a todo o territorio nacional.
A instalación desta placa en Abegondo forma parte dunha iniciativa máis ampla coa que Camiño Sénior busca conectar patrimonio, participación cidadá e tecnoloxía nos municipios vinculados ás rutas xacobeas.
A través da creación de podcasts, vídeos, artigos, infografías e actividades presenciais e interxeracionais, o proxecto transforma o coñecemento e as experiencias da veciñanza en recursos sen barreiras para toda a sociedade.
Coa instalación desta nova placa, Abegondo súmase aos municipios de Caldas de Reis, Frades, Mesía, Pontecesures e Ordes, que apostan por manter viva a súa historia a través de Canal Sénior.
