
Máis de 30 estudantes do primeiro curso do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, titulación que se imparte na Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol (Universidade da Coruña), participan no proxecto de Aprendizaxe Servizo (ApS) Deseño e Impartición de Obradoiros de Alfabetización Dixital, promovido polos profesores Joaquín Enríquez, Begoña Álvarez, Jorge Pérez e Simón Villamayor no marco da materia de Informática Básica.
Neste curso académico 2026/27, o proxecto conta novamente coa colaboración da Asociación Sociocultural ASCM Galicia, Mobilidade Humana e da Confederación Galega de Persoas con Discapacidad (COGAMI), entidades ás que se suma Emisoras Municipais Galegas (EMUGA).
Nas distintas sesións de traballo presenciais, que se desenvolverán nas vindeiras semanas tanto nas sedes das entidades participantes como na propia facultade, o alumnado compartirá coñecementos e experiencias coas persoas usuarias das ditas entidades inclusivas. Os obradoiros, que o alumnado estivo a preparar ata o de agora, abordarán cuestións prácticas relacionadas co uso das novas tecnoloxías, como a navegación segura pola Internet, o emprego do certificado electrónico ou a elaboración e a mellora do currículo e a súa publicación en distintos portais de emprego.
A través desta iniciativa, o alumnado da Facultade de Ciencias do Traballo ten a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos na aula a situacións reais, ao tempo que contribúe a mellorar as competencias dixitais das persoas participantes. O proxecto baséase na metodoloxía de Aprendizaxe Servizo (ApS), que integra nunha mesma proposta formativa a aprendizaxe académica xunto coa prestación dun servizo á comunidade.
Podcasts divulgativos en colaboración con EMUGA
Pola súa banda, parte do alumnado que participa no proxecto de Aprendizaxe Servizo (ApS) Deseño e Impartición de Obradoiros de Alfabetización Dixital está a gravar, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social e en colaboración con Emisoras Municipais Galegas (EMUGA), unha serie de podcasts divulgativos sobre esta temática que se emitirán ao longo de 2027 nas emisoras de radio locais de boa parte dos 25 concellos que integran esta asociación.
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración que Emisoras Municipais Galegas (EMUGA) ten asinado coa Universidade da Coruña (UDC), a través da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), para a elaboración e a difusión de proxectos de Aprendizaxe Servizo (ApS), ampliando así as posibilidades de difusión do traballo desenvolvido polo alumnado e achegando á cidadanía as iniciativas de innovación docente que se poñen en marcha desde o Campus Industrial de Ferrol.
