
A Universidade de Vigo e a Axencia de Turismo de Galicia asinaron onte un convenio de colaboración para a creación da Aula Turismo de Galicia na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense. O espazo aspira a ser “centro de referencia para a creatividade, a innovación docente, a investigación aplicada e a innovación profesional no ámbito turístico”.
Cos ditos obxectivos promoverá “metodoloxías innovadoras, creativas e participativas” dirixidas ao estudantado, ao persoal docente e investigador, así como a profesionais do sector turístico, favorecendo a “transferencia de coñecemento, a experimentación tecnolóxica e a colaboración co tecido institucional e empresarial do sector turístico galego”.
Na sinatura e presentación do proxecto no edificio xurídico-empresarial do Campus de Ourense participaron Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo; José Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; e Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; asistindo tamén Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Elisa Alén e Nuno Sousa, responsables da aula, e profesorado do centro.

No seu discurso, Carmen García Mateo destacou que “a creación da Aula Turismo de Galicia reflicte moi ben a universidade que queremos construír: unha institución que aproveita as súas capacidades, que coopera coas administracións e co tecido produtivo e que pon o coñecemento ao servizo da sociedade”. O valor deste proxecto, afirmou, “non está só nas ferramentas tecnolóxicas, senón no que sexamos capaces de facer con elas” e apuntou que a aspiración neste caso é que “o estudantado desenvolva capacidades prácticas, que o profesorado explore novas metodoloxías e que a investigación responda ás necesidades reais do sector”.
Pola súa banda, José Manuel Merelles destacou a pertinencia da creación desta aula en Ourense, sinalando que esta provincia “é o territorio que máis está medrando turisticamente”. Ademais, subliñou o interese por modernizar o ensino, neste caso arredor da innovación en turismo, amosado pola Universidade de Vigo e concretamente pola Facultade de Empresariais e Turismo.
Jesús Vázquez puxo en valor esta colaboración e agradeceu o financiamento desta nova aula que, afirmou, suporá “un pulo desde Ourense a toda Galicia nun sector tan importante como o turístico”. O decano adiantou que a previsión é que a Aula Turismo estea operativa a principios do ano 2027, dando servizo non só a alumnado e profesorado senón tamén a entidades e especialistas do sector.
A Aula Turismo de Galicia preséntase como un laboratorio de tecnoloxías inmersivas que levará “o turismo a outra dimensión” no senso de que se centra no uso da realidade virtual e aumentada para investigar, aprender e innovar en turismo. O espazo aspira a ser “punto de encontro entre universidade, estudantes, investigación, empresas e destinos, e conectar o coñecemento universitario coas necesidades reais do turismo”. O equipamento co que contará será Meta Quest 3 (realidade virtual e mixta para experiencias inmersivas); HTC VIVE Focus Vision (contornas virtuais tridimensionais de alta inmersión); cámara 360° (creación de contidos audiovisuais inmersivos); ordenador de altas prestacións (desenvolvemento, simulacións e xestión de contidos) e accesorios e almacenamento. Con el poderase explorar espazos patrimoniais, deseñar experiencias turísticas innovadoras, simular situacións reais de aprendizaxe, analizar a accesibilidade e a inclusión, probar e avaliar prototipos e investigar novos servizos e modelos de negocio.
As liñas de investigación nas que se poderá traballar na aula son o turismo inmersivo, a intelixencia artificial e dixitalización, os destinos de interior, o turismo accesible e inclusivo, o turismo termal e de benestar e a innovación en empresas turísticas. O alumnado, indican desde a organización da aula, poderá beneficiarse dunha aprendizaxe práctica e interactiva que complemente as clases, de aplicacións en diferentes áreas do turismo, de apoio para a realización de traballos fin de estudos e teses de doutoramento e para bolsas e proxectos de investigación. Estas liñas de investigación e de traballo do alumnado poderán beneficiarse ademais da colaboración con empresas e destinos.
