
A Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo promove o ciclo de conversas Reiniciando o sistema para reflexionar colectivamente sobre os impactos sociais, culturais e políticos da transformación dixital. A través de dous relatorios que se celebran hoxe e pasadomañá (xoves) no edificio Redeiras, o que se busca é analizar a relación entre tecnoloxía, poder e feminismos nun espazo para pensar a sociedade dixital.
Dende a organización subliñan que “nun momento no que a intelixencia artificial, as plataformas e os sistemas de datos inciden cada vez máis na vida cotiá da cidadanía, resulta necesario abrir espazos de diálogo crítico que permitan analizar a relación entre tecnoloxía, desigualdades e xustiza social”.
A primeira cita será este martes nas gradas do edificio Redeiras ás 19.00 horas para debater se é posible unha IA feminista. A convidada será Margarita Padilla García, programadora informática, cofundadora de SinDominio, escritora, activista e figura referente na reflexión sobre tecnoloxía, cultura libre e soberanía tecnolóxica.
O xoves, á mesma hora, a convidada será Eurídice Cabañes, filósofa, investigadora e especialista na análise crítica da tecnoloxía, os datos e os seus impactos sociais desde unha perspectiva feminista.
Tecnoloxía, sociedade e feminismos
Máis alá da análise técnica das ferramentas dixitais, esta iniciativa pretende abrir preguntas sobre quen deseña as tecnoloxías, que valores incorporan, que formas de poder reproducen e que alternativas poden contribuír a construír espazos dixitais máis xustos e habitables.
O seminario aspira tamén a fortalecer redes de colaboración entre institucións, profesionais, investigadoras e cidadanía, favorecendo a creación de coñecemento compartido arredor dos impactos sociais, culturais e políticos da transformación dixital.
