
A produtora coruñesa Melgo Cinema vai lanzar neste mes de novembro Camino Kaput, o que sería en palabras da firma “o primeiro videoxogo para persoas adultas cun Xacobeo como temática principal”. Trátase dunha sátira sobre o turismo masivo, do estilo Plantas contra Zombies, no que os usuarios teñen que axudar a Santi, unha interpretación libre do apóstolo Santiago, a se defender das ondas de turistas e peregrinos que invaden zonas de Galicia e do Camiño.

Segundo explican dende Melgo, “a historia aborda de xeito simpático temas de actualidade como a turistificación, o dereito á vivenda, a relación co contorno e a preservación da lingua galega”. O xogo estrutúrase nos niveis das catro estacións do ano con localizacións emblemáticas: as termas de Ribadavia, o faro de Fisterra, a praza do Obradoiro e a praia das Catedrais.

O xogo poderá descargarse de balde para ordenador e dispositivos móbiles (sistemas operativos iOS e Android) en nove linguas distintas: galego, castelán, catalán -co apoio da Generalitat de Catalunya-, inglés, italiano, francés, alemán, portugués e coreano. A equipa, que estivo ano e medio traballando no seu desenvolvemento, componse de catorce persoas, a meirande parte talento emerxente do Grao de Creación Dixital e Animación de Videoxogos da UDC, do Grao de Tradución da UVigo e dun mestrado de comercialización da UDC. Ademais, as tarefas foron realizadas ao 100% sen empregar ningún tipo de intelixencia artificial xenerativa, apostando pola creatividade humana no sector.

O título vén acompañado dun documental interactivo que poderá visualizarse na web de Melgo Cinema a partir da súa presentación oficial o 25 de novembro ás 10h no auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

Camino Kaput conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da AGADIC, da Deputación da Coruña e da Generalitat de Catalunya, mentres que o documental interactivo está apoiado polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, ademais da Deputación da Coruña.

Melgo Cinema é unha produtora de cine e videoxogos fundada no 2018, con sede na Coruña. Crea proxectos en diversos formatos e xéneros que abordan realidades do día a día. Entre as súas producións más recentes atópanse As tres outras vidas de María Santiso (2024), unha longametraxe en forma de falso documental, e Ti Primeiro (2021), unha novela visual romántica en imaxe real lanzada para iOS e Android.
