
O Xabarín Club será o protagonista do terceiro encontro do ciclo Protagonistas, unha iniciativa organizada pola escola audiovisual Treintaycinco mm en colaboración con Fnac que reunirá o vindeiro 19 de novembro en A Coruña varios dos profesionais que fixeron posible o nacemento e o éxito deste espazo da Televisión de Galicia.
A conversa celebrarase ás 19:00 horas na Fnac da praza de Lugo, con posibilidade de seguila tamén en directo a través de YouTube. Participarán Suso Iglesias, un dos creadores do programa e director durante a súa primeira etapa; Antón Reixa, coautor e intérprete de numerosas cancións que formaron parte da súa identidade musical; e Miguelanxo Prado, responsable da creación e do deseño dos personaxes do Xabarín Club. A xornalista e actriz María Verdía encargarase de conducir o encontro.
A sesión abordará os procesos creativos e audiovisuais que permitiron converter o Xabarín Club nun dos formatos infantís máis recoñecibles da televisión galega. Entre as cuestións previstas figuran as orixes do programa, o traballo dos profesionais que participaron na súa produción, a importancia da música na súa personalidade e a creación do porco bravo que acabou converténdose nunha icona popular.
Estreado en 1994, o Xabarín Club transcendeu o formato televisivo para converterse nun fenómeno cultural e lingüístico que marcou varias xeracións. O seu carné de socio e a súa mascota como presentadora contribuíron a crear unha comunidade arredor do programa, que en 1999 xa contaba con 90.000 socios, aproximadamente unha cuarta parte da poboación infantil galega.
O encontro forma parte de Protagonistas, un ciclo de conversas impulsado por Treintaycinco mm e Fnac para achegar ao público diferentes disciplinas do sector audiovisual a través das experiencias dos profesionais que traballan nel.
