
O vindeiro día 19 é a agardada data de estrea de Grand Theft Auto VI, título de Rockstar Games que, para evitar o colapso dos servidores á hora de descargar os máis de 200 GB que ocupa por parte de varios millóns de usuarios, iniciou hoxe mesmo a posibilidade de iniciar a súa descarga, aínda que a execución do xogo non será posible ata o seu lanzamento oficial.

Aproveitando este primeiro paso no lanzamento do xogo, dende PlayStation destacan que o título tirará proveito das moitas bondades da PlayStation 5, mentres que en PlayStation 5 Pro ofrecerá maior claridade gráfica grazas ao uso da tecnoloxía PSSR e contará con sombras por trazado de raios (ou sexa, que non gozará dunha maior taxa de fotogramas).

Pero máis salientable é o comunicado que realizan dende Xbox, pois dan conta de que, aparte de ter iniciado a pre-carga para Xbox Series X e Xbox Series S, detallan que o xogo tamén estará dispoñible a través de Xbox Cloud Gaming dende o primeiro día, cunha configuración equivalente á de Xbox Series S, aínda que limitando o streaming a consolas de videoxogos da marca, o que facilitaría o acceso a este agardado xogo a usuario que aínda conserven unha Xbox One e non desen o salto á actual xeración de consolas.
Tamén aseguran que nos vindeiros meses incorporarán a Xbox Cloud Gaming outros títulos de Rockstar como Red Dead Redemption 2 e Grand Theft Auto V.
