
Explorar as posibilidades da intelixencia artificial para as empresas, a todos os niveis, é un dos grandes obxectivos do novo curso de Vitae Consultores que se celebra este mes de decembro, ás portas de Nadal, os días 10, 14, 16 e 17. O curso Crea as túas propias aplicacións con IA sen ser programador: de RRHH a calquera área (PDF) terá 12 horas de duración e será impartido polo experto Marcos Carbonell, socio director da consultora tecnolóxica galega.
Segundo avanza o formador, a IA Xenerativa fixo realidade algo que hai un ano era só unha posibilidade: que unha persoa sen formación en programación poida crear as súas propias aplicacións describindo en linguaxe natural o que necesita. A esta forma de programar “falando” coa IA coñécese xa como Vibe Coding, unha metodoloxía de gran utilidade que, con todo, ten un límites: funciona ben para unha demostración rápida e falla cando a aplicación ten que usarse de verdade no día a día. Así, explica Vitae, “sen un método claro e unha folla de roteiro, a IA perde o fío a medida que medra o proxecto, inventa funcións que non existen, rompe o que xa funcionaba ao engadir algo novo e acaba consumindo tempo e diñeiro en tokens sen que o resultado sexa de fiar” .
Este curso vai máis aló do Vibe Coding. Non pretende converter aos asistentes en programadores, senón capacitalos para programar con IA aplicando as bases coas que traballa un programador profesional, de maneira que as aplicacións que xeren funcionen, poidan manterse e medrar no tempo.
No curso traballarase con Claude Code na súa versión de escritorio (Cowork), sen necesidade de utilizar a liña de comandos. Empezarase por entender como traballa a IA “por dentro”: como funciona un LLM, que son os axentes e o “arnés” de Claude Code, que é a xanela de contexto, como se vai enchendo e por que a IA “esquece”, e para que serven os ficheiros de memoria do proxecto como Claude.md ou Agents.md.
“A partir de aí”, explica Vitae, “aprenderemos a evitar as alucinacións, a non perder información ao cambiar de chat e a seguir protocolos para aforrar tokens e custos sen sacrificar calidade; e, tamén, a empezar un proxecto como o faría un profesional: definindo con claridade que vai facer a aplicación e como antes de pedila, elixindo o stack tecnolóxico, deseñando os datos e o deseño gráfico e entenderndo que é o frontend, o backend e a persistencia (a base de datos) dunha aplicación”.
Despois construirase a aplicación por módulos de forma iterativa, como nas metodoloxías áxiles, esixindo a IA para que cada módulo quede probado con todos o seu test antes de pasar ao seguinte módulo e, sobre todo, que sexa o propio usuario, e non só a IA, quen probe, revise e acepte cada módulo antes de continuar.
Como as aplicacións de RRHH e doutros ámbitos poden manexar datos persoais ou sensibles, daranse tamén unhas bases de Protección de Datos (RGPD e LOPDGDD) aplicadas ao deseño de aplicacións.
As aplicacións crearanse con tecnoloxías como Python, PHP ou React e bases de datos como SQLite, Access ou MySQL, e estarán pensadas para executarse en local, no propio computador do asistente, sen que ningún dato saia del. Os casos prácticos serán tres aplicacións que serán usadas en Vitae e que se irán construíndo de menor a maior complexidade: unha aplicación para anonimizar documentos (CV, transcricións de entrevistas ou calquera outro documento legal, financeiro), que detecta e substitúe os datos persoais e xera o documento anonimizado no propio equipo; unha ATS pa ra xestionar procesos de selección con taboleiros Kanban, candidatos, clientes, ficheiros e informes, cuxa estrutura serve igualmente para xestionar calquera outro tipo de proceso; e unha app de procura de currículos en local como en LinkedIn e documentos de calquera tipo en local con SQLite, que indexa os documentos dun cartafol e permite localizalos cun buscador.
“Realizarase nunha versión sinxela pero útil, coa que o asistente poderá terminar o curso construíndo unha aplicación completa en por si”, explican dende Vitae.
Obxectivos do curso

- Capacitar a profesionais non programadores para crear, con Claude Code e de forma profesional, aplicacións sinxelas, útiles e de fiar para o seu traballo cotián, pensadas para executarse en local sen que os datos saian do seu computador.
- Proporcionar un método de programación con IA baseado nas prácticas dun programador profesional: definir que debe facer a aplicación e como, elixir o stack tecnolóxico, deseñar os datos e a interface, e construíla por módulos de forma iterativa, probando e validando cada módulo antes de pasar ao seguinte.
- Entender como traballa a IA por dentro (LLM, axentes, xanela de contexto, ficheiros de memoria do proxecto) para saber pedirlle as cousas da maneira correcta, evitar alucinacións e perdas de información, e aforrar tokens e custos.
- Coñecer as nocións básicas de Protección de Datos (RGPD e LOPDGDD) que debe cumprir calquera aplicación que manexe datos persoais ou sensibles.
- Dar unhas nocións básicas de como publicar unha aplicación nun servidor VPS para que poida utilizarse desde fóra do computador local ou por varias persoas.
- Lograr que o asistente sexa autónomo ao terminar o curso: capaz de ampliar, corrixir e manter as súas propias aplicacións e de aplicar o método a novas necesidades da súa área, sexa de RRHH ou de calquera outra.
O curso vai dirixido a calquera profesional que necesite crear as súas propias aplicacións ou ferramentas de software para o seu día a día e que non sexa programador nin ter nocións de programación. Non se require ningún coñecemento técnico previo: só manexar con soltura o computador e as ferramentas habituais de oficina e os chats de IA como Claude, ChatGPT ou Gemini.
Aínda que os casos prácticos están orientados a RRHH, o curso está dirixido a profesionais de calquera área: Finanzas, Administración, Marketing, Produción, Operacións, Compras, Calidade, Dirección ou calquera outra na que se xestionen datos, documentos ou procesos que hoxe se resolven con follas de cálculo, traballo manual ou ferramentas que non se adaptan do todo ao que se necesita.
Tamén resulta útil a profesionais de RRHH, xefes de proxecto e responsables de área que, sen programar eles mesmos, queiran entender como se constrúe software con IA para encargalo, supervisalo ou valoralo con criterio.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.
