
O Concello da Coruña acolle esta semana (dende o luns) a Opening Site Visit do proxecto europeo de innovación tecnolóxica Allocate, un encontro que reúne ás cidades asociadas ao proxecto (Viana do Castelo, Heidelberg e Reggio Emilia) cos socios de execución, ou sexa, coa Universidade da Coruña (UDC) o Clúster TIC Galicia e as empresas Altia e Khora Urban Consulting, así como con representantes da Iniciativa Urbana Europea e outros participantes en Allocate.
A xornada técnica que se desenvolveu onte na Cidade das TIC permitiu ás cidades coñecer en detalle o traballo realizado durante o primeiro ano de Allocate, compartir os seus propios retos e comezar a analizar que elementos do modelo coruñés poden ser transferidos aos seus contextos urbanos.
O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, deu a benvida aos representantes das tres cidades e aos socios e participantes en Allocate. “O verdadeiro valor dun proxecto europeo está na súa capacidade para compartir coñecemento”, sinalou José Manuel Lage na apertura do encontro, poñendo en valor o ecosistema tecnolóxico da Coruña.
O evento ten como obxectivo a creación de sinerxías para a xeración de novas ideas e relacións de colaboración entre cidades. A axenda está concibida para combinar a presentación do proxecto e dos retos das cidades participantes con demostracións, visitas técnicas e sesións específicas de traballo sobre a transferencia.

Na xornada de onte presentáronse os principais avances de Allocate durante o seu primeiro ano de aplicación, así como os retos das tres cidades europeas socias de transferencia. Explicaron que o proxecto “está a avanzar na definición dos casos de uso e das fontes de datos, no deseño da infraestrutura e na creación da Comunidade de Computación Local”. Outro dos eixos de traballo é a formación dirixida principalmente ás empresas locais do sector TIC, coa posta en marcha dun curso de IA verde e ética que comezará o 17 de novembro. O prazo de inscrición permanece aberto ata o 10 de novembro e pode facerse a través da web do proxecto.
Allocate conta cun investimento de 5,5 millóns de euros para o desenvolvemento do proxecto. Desta cantidade, 4,4 millóns proceden do FEDER, no marco da terceira convocatoria da European Urban Initiative, mentres que os 1,1 millóns restantes corresponden á achega municipal.
A última xornada, a de hoxe, estará dedicada especificamente ao proceso de transferencia. Os socios traballarán sobre unha folla de ruta que recolle os fitos e actividades que deberán desenvolverse ao longo do ciclo de vida do proxecto.
A Opening Site Visit sitúa así A Coruña como punto de partida dun proceso de aprendizaxe compartida con Viana do Castelo, Heidelberg e Reggio Emilia. O encontro permitirá ás tres cidades coñecer directamente os procesos e solucións de Allocate e, ao mesmo tempo, incorporar as súas propias experiencias a unha reflexión conxunta sobre a aplicación da intelixencia artificial verde e ética aos retos urbanos.
Allocate é un proxecto europeo de innovación tecnolóxica liderado polo Concello da Coruña que busca desenvolver solucións de intelixencia artificial (IA) verde, ética e responsable para resolver retos urbanos reais. A iniciativa desenvólvese entre outubro de 2025 e marzo de 2029 cun orzamento total de 5,52 millóns de euros, financiados maioritariamente polos fondos FEDER da Unión Europea a través da European Urban Initiative.
