
Starlink presentou Mini 2, unha nova xeración da súa antena portátil de conexión á Internet por satélite que incorpora unha batería intercambiable, conectividade Wi-Fi 6 e un deseño máis fino e resistente. O dispositivo permite manter a conexión durante ata 4,5 horas cunha soa carga e tamén pode funcionar conectado a unha fonte de alimentación mediante USB-C.
A principal novidade respecto da primeira Starlink Mini é a batería extraíble, que permite prolongar o uso substituíndoa por outra unidade de reposto, comercializada por separado. A batería ten unha capacidade de 71 Wh e pesa 490 gramos. O conxunto da antena, a batería e o soporte alcanza os 1,6 quilogramos.
A antena Starlink Mini 2 incorpora Wi-Fi 6, cunha cobertura de ata 167 metros cadrados, e pode establecer conexión en aproximadamente 60 segundos se se coloca nun lugar cunha visión despexada do ceo

O equipamento tamén admite alimentación mediante USB-C de 60 watts, tanto para funcionar conectado á corrente como para cargar a batería. O deseño incorpora unha carcasa redeseñada, un grosor de 23,1 milímetros e certificación IP67, que ofrece protección fronte ao po e á auga. Inclúe ademais unha rosca estándar 1/4-20 para trípodes e outros soportes fotográficos.
As dimensións son de 263 x 314 x 23,1 milímetros e o campo de visión alcanza os 110 graos. O paquete inclúe a antena, a batería, un soporte, unha fonte de alimentación e un cable USB-C de tres metros. Starlink aínda non confirmou o prezo nin a data de chegada a España desta nova solución de conectividade.
