
Facer fronte á ciberfraude e reforzar a confianza da súa clientela é o obxectivo da nova achega de Abanca, que vén de incorporar nas súas comunicacións a clientes dous dos protocolos máis avanzados na materia: BIMI e RCS. Esta unión axudará ás persoas usuarias a identificar con maior claridade as mensaxes enviadas lexitimamente polo banco e a detectar potenciais suplantacións. Engadir que estas novidades chegan tamén para os clientes de B100, a marca de banca dixital do banco.
Que se agocha detrás de BIMI (acrónimo de Brand Indicators for Message Identification)? Estamos perante un estándar aberto de seguridade e marca que serve ao banco para garantir que correo electrónico é enviado por un remitente 100% lexítimo. Este protocolo é compatible cos principais clientes de correo electrónico e visualmente os usuarios van percibir que xunto ao nome do remitente, neste caso Abanca, incorpórase un recoñecible check azul.
Con este selo, e sen requirir ningunha acción por parte do cliente, o banco garante a trazabilidade da mensaxe recibida na caixa de entrada e dificulta aos ciberdelincuentes suplantar a identidade da entidade e comprometer a seguridade dos clientes.
Para poder despregar este protocolo, o banco superou estritos controis de seguridade informática que lle permitiron obter un certificado dixital, denominado VMC, que vincula criptograficamente o logotipo de Abanca co seu dominio.
Alén desta tecnoloxía, chega RCS (acrónimo de Rich Communication Service), que de agora en diante se converte na vía de comunicación preferida, substituíndo as mensaxes curtas convencionais. Sen requirir ningunha acción por parte do cliente, esta tecnoloxía permite achegar confianza nas comunicacións que reciben as e os usuarios nos seus teléfonos móbiles a través de algúns elementos diferenciadores. O máis salientable é un novo perfil de marca verificado, que inclúe o nome de Abanca, o logotipo e un distintivo check azul. A migración das comunicacións de SMS a RCS permite engadir outros elementos visuais e de seguridade como botóns interactivos, a capacidade nativa de inserir vídeos ou imaxes, o uso de emojis ou dispor de información sobre se a mensaxe foi entregada ou lida.
