
A empresa tecnolóxica Dos Espacios, con sede en Vilagarcía, participa esta semana nas Xornadas ICEX de Turismo e TravelTech en Estados Unidos e República Dominicana, unha iniciativa organizada por ICEX España Exportación e Investimentos e SEGITTUR para conectar ás empresas tecnolóxicas españolas cos principais axentes dos ecosistemas turísticos de ambos os mercados.
A misión comezou en Miami os días 9 e 10 de novembro e continúa en Santo Domingo os días 12 e 13 cunha axenda orientada ao intercambio de coñecemento, as reunións profesionais e a xeración de oportunidades de colaboración para impulsar a competitividade do sector turístico a través da tecnoloxía e a innovación.
Miami: continuidade e avance no mercado estadounidense

A primeira etapa das xornadas permitiu a Dos Espacios dar continuidade ao traballo desenvolvido nas dúas anteriores visitas a Miami e seguir estreitando relacións co ecosistema turístico e tecnolóxico do sur de Florida.
O programa de traballo centrouse no desenvolvemento dos destinos intelixentes, a mobilidade turística e a transformación da experiencia de viaxe, ademais de incluír encontros profesionais e reunións B2B para facilitar o contacto entre empresas españolas e axentes do mercado estadounidense.
Para Dos Espacios, esta nova visita supón unha oportunidade para compartir a súa experiencia no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para destinos e administracións públicas e reforzar as súas relacións con potenciais socios en Estados Unidos.
O CEO da firma galega, Santiago Paz, destacou que “a transformación dixital do turismo non consiste unicamente en incorporar tecnoloxía, senón en entender as necesidades de cada destino e atopar solucións que acheguen valor real á súa xestión e á experiencia de visitantes e residentes. Estas xornadas permítennos dar continuidade ás relacións que vimos construíndo, compartir a nosa experiencia e coñecer novas áreas onde seguir impulsando a innovación turística”.
República Dominicana: novas oportunidades no ámbito turístico e hostaleiro

A misión continúa en República Dominicana, onde o equipo de Dos Espacios busca coñecer de preto as necesidades do mercado e establecer novas relacións cos principais axentes do seu ecosistema turístico, tanto no ámbito institucional como no empresarial.
Ademais de identificar oportunidades relacionadas coa dixitalización e a xestión intelixente dos destinos, a empresa prestará especial atención ao sector privado, “co obxectivo de explorar vías de colaboración con grupos hoteleiros e outras compañías turísticas interesadas en solucións tecnolóxicas como Beditas Hospitality e Beditas Access, entre outras”, informou a firma galega, engadindo que “o peso do turismo na economía dominicana e o dinamismo do seu sector hoteleiro converten ao país nun mercado de interese para analizar novas posibilidades de aplicación da tecnoloxía, tanto na xestión dos servizos como na mellora da experiencia dos viaxeiros”.
Engaden que “a participación nestas xornadas permítenos avanzar na nosa estratexia de internacionalización, consolidando o traballo previo en Estados Unidos e abrindo novas liñas de contacto e colaboración en República Dominicana; e ampliar así a súa aposta por unha xestión turística máis eficiente, sostible e con modelos adaptados á realidade de cada territorio”.
