
A Xunta presentou ante a Comisión Europea e o Comité Europeo das Rexións as capacidades científicas, as infraestruturas e os proxectos que está a desenvolver no campo das tecnoloxías cuánticas, cunha folla de ruta que fixa en 2030 o horizonte para converterse nun referente europeo neste sector.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, mantivo un encontro con Andreas Schwarz, xefe de gabinete da comisaria europea de Start-ups, Investigación e Innovación, Ekaterina Zaharieva. Na reunión expuxo o traballo que se está a realizar en Galicia para impulsar un ecosistema de innovación cuántica conectado coas iniciativas europeas.
Un dos eixes desta estratexia é EQUIVALEMT (European Quantum Innovation Valleys as Strategic Emerging Technology), o Val europeo de innovación cuántica liderado por Galicia e financiado a través do programa Horizonte Europa. O proxecto conta cun orzamento de 14,3 millóns de euros ata 2031, cofinanciado pola Comisión Europea, e reúne entidades de nove países.
A iniciativa busca acelerar o desenvolvemento de aplicacións avanzadas e casos de uso de alto impacto, así como conectar institucións públicas, clústeres, centros de investigación e empresas nun ecosistema paneuropeo. A presentación en Bruxelas enmarcouse tamén no intercambio cos representantes dos once proxectos seleccionados no programa Vales Rexionais de Innovación.
Cotelo participou ademais no Foro Participativo Dixital do Comité Europeo das Rexións, onde deu a coñecer as capacidades galegas en tecnoloxías profundas (deep tech) e o potencial do territorio para contribuír ás prioridades europeas neste ámbito.
Galicia conta xa con dous ordenadores cuánticos instalados no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e co Polo galego de tecnoloxías cuánticas, unha estrutura que agrupa 15 entidades, sete centros de coñecemento e máis de 140 investigadores.
