
Logitech celebrará o vindeiro 19 de novembro a súa primeira xornada corporativa dedicada aos videoxogos, unha iniciativa que permitirá aos seus arredor de 7.000 empregados dispoñer dun día libre para xogar. A empresa suíza bautizou a convocatoria como Logi Game Day e quere convertela nunha celebración anual que recoñeza o papel do lecer dixital no desenvolvemento de habilidades tamén útiles no traballo.
A iniciativa chega nun momento de especial expectación arredor de Grand Theft Auto VI, cuxo lanzamento está previsto para o 19 de novembro de 2026. A coincidencia coa data da xornada alimentou o interese pola posibilidade de que os traballadores aproveiten o descanso para xogar ao novo título de Rockstar Games, aínda que Logitech non limita a celebración a ningún videoxogo concreto.
A marca Logitech G organizará ese mesmo día unha emisión en directo desde a súa sede americana de San José (California), presentada polo seu director xeral, Robin Piispanen. A actividade servirá para reunir os empregados arredor dunha afección compartida e reivindicar a dimensión social e colaborativa dos videoxogos.
A directora executiva de Logitech, Hanneke Faber, considera que chegou o momento de deixar atrás a idea de que xogar é unha perda de tempo. «Como empresa que deseña produtos para traballar e xogar, vemos todos os días como a implicación nunha destas esferas favorece o rendemento na outra», sinalou.
A decisión apóiase en varios estudos promovidos pola propia Logitech. Un deles, denominado Ctrl Tomorrow, indica que o 81 % dos xogadores considera que os videoxogos contribúen a desenvolver confianza, reducir a ansiedade e mellorar o rendemento no traballo diario. Outro estudo, realizado entre responsables de decisións tecnolóxicas de empresas, recolle que o 98,8 % dos enquisados aprecia unha transferencia directa das habilidades adquiridas xogando ao ámbito profesional, especialmente no pensamento estratéxico, a resolución de problemas complexos e a capacidade para traballar baixo presión.

Elaine Laird, responsable de recursos humanos de Logitech, defende que o tempo dedicado ao lecer pode repercutir positivamente na actividade profesional. Dispoñer de momentos para desconectar e xogar permite regresar ao traballo con maior concentración, enerxía renovada e novas maneiras de abordar os problemas.
A idea de conceder tempo libre para xogar tamén apareceu noutras organizacións. En agosto, Fortune publicou que unha unidade do Exército dos Estados Unidos ofrecía ata catro días de descanso aos militares que renovasen o seu compromiso de servizo, coa posibilidade de dedicar ese tempo a xogar a Grand Theft Auto VI. Unha medida cunha motivación moi diferente á de Logitech, pero que evidencia a capacidade dos grandes lanzamentos videoxogos para influír mesmo na organización do tempo de traballo.
