
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC participou na organización da décima edición do encontro Workshop on Online Abuse and Harms (WOAH), celebrado o pasado 29 de outubro en Budapest (Hungría), no marco de EMNLP 2026. A investigadora do CITIC Paloma Piot formou parte da organización do encontro.
O WOAH é un encontro científico internacional centrado no estudo e na detección de distintas formas de abuso e contidos daniños en Internet, como o discurso de odio, o acoso e a desinformación. “Dende a súa primeira edición, en 2017, consolidouse como un dos foros de referencia para a comunidade investigadora que traballa neste ámbito”, informa o CITIC, engadindo que esta décima edición contou cunha destacada participación internacional, con 77 traballos científicos recibidos na modalidade archival e 7 na modalidade non-archival.
Ao final aceptáronse 39 e 6 traballos, respectivamente, o que supón unhas taxas de aceptación do 51 % e do 86 %. As investigacións aceptadas procedían de 20 países.
O programa incluíu catro conferencias maxistrais (keynotes) impartidas por especialistas de recoñecido prestixio internacional: Sara Tonelli, da Fondazione Bruno Kessler (Italia); Zeerak Talat, da Universidade de Edimburgo; Su Lin Blodgett, do Mila – Quebec AI Institute (Canadá); e Sarah T. Roberts, da Universidade de California en Los Ángeles (UCLA), autora do libro Behind the Screen: Content Moderation in the Shadows of Social Media.
Durante EMNLP 2026, Paloma Piot presentou o traballo From Self to Other: Evaluating Demographic Perspective-Taking in LLM Hate Speech Annotation, publicado nas actas principais do congreso. A investigación estuda se os modelos de linguaxe de gran tamaño (LLM), condicionados por unha identidade ou perfil demográfico determinado, son capaces de reflectir as diferenzas na forma en que distintos grupos perciben os contidos ofensivos ou de odio.
En particular, o estudo analiza se os modelos modifican as súas respostas cando o grupo demográfico simulado é o obxectivo do discurso de odio e se poden anticipar como outros grupos poderían percibir ese mesmo contido, unha capacidade que segundo lembra o CITIC coñécese como “perspectiva vicaria”.
Segundo reflicte o centro da UDC, “comprender estas diferenzas resulta relevante para desenvolver sistemas de anotación automática do discurso de odio máis fiables e xustos, especialmente en contextos nos que as perspectivas e os xuízos poden variar entre persoas e grupos”.
Así mesmo, presentouse o traballo Beyond the Explicit: A Bilingual Dataset for Dehumanization Detection in Social Media, desenvolvido en colaboración co centro de investigación GESIS, con sede en Colonia (Alemaña), e David Jurgens, da Universidade de Michigan.
Esta investigación aborda a detección automática da linguaxe deshumanizadora nas redes sociais mediante a creación dun conxunto de datos bilingüe en inglés e alemán. O recurso busca contribuír ao desenvolvemento e á avaliación de ferramentas capaces de identificar expresións deshumanizadoras nas conversas dixitais, incluídas aquelas que non se manifestan de forma explícita.
A organización do WOAH xa ten confirmada a súa continuidade para 2027. A súa undécima edición celebrarase en Kioto (Xapón), en colaboración con ACL 2027, outra das principais conferencias internacionais do ámbito do Procesamento da Linguaxe Natural.
