
O Clúster TIC Galicia promove, xunto á Fundación Galicia Constrúe e Startup Galicia, o primeiro piloto do Proxecto Conexión, unha iniciativa que busca impulsar a colaboración intersectorial na nosa terra, conectando as demandas dos clústeres produtivos coas capacidades das empresas, novas firmas innovadoras (startups), centros tecnolóxicos e universidades.
O obxectivo é “favorecer relacións horizontais entre sectores, mellorar o coñecemento mutuo e acelerar a adopción de tecnoloxías e innovacións emerxentes en ámbitos industriais maduros, aproveitando a capacidade innovadora xa instalada en Galicia”.
Tras unha primeira xornada desenvolvida durante o evento Conecta Empresas, celebrado o pasado 9 de xullo, no que se levou a cabo un Focus Group entre empresas do sector da construción para detectar as súas necesidades específicas, o vindeiro 13 de novembro, ás 9:30 h, na Fundación Laboral da Construción (Santiago de Compostela), organizan un obradoiro para dar resposta a algunhas delas.
Estes son os retos expostos: unha plataforma plataforma de integración omnicanle de datos de obra (desenvolvemento dun software capaz de unificar e centralizar automaticamente a información do proxecto que actualmente se dispersa en canles informais), un sistema de guiado mediante realidade mixta para operarios (creación dunha aplicación baseada en realidade mixta para proporcionar información visual en tempo real durante a execución de procesos manuais) un RP e CRM modular nativo para construción (sistemas de xestión empresarial de arquitectura modular e construídos ad hoc para a realidade do sector), un conversor automatizado de planos PDF a modelos 3D (unha ferramenta baseada en intelixencia artificial orientada a interpretar documentación bidimensional para facilitar a súa reconstrución en modelos 3D), un validador de interoperabilidade para formatos estándar (software ponte deseñado para garantir que os datos transferidos en formatos estándar manteñan a súa integridade entre distintos programas), un hub dixital de innovación e conexión tecnolóxica e un sistema de automatización de procesos para burocracia sectorial (ferramenta de automatización robótica para xestionar o intercambio de datos repetitivos con administracións).
As inscricións para asistir á xornada formativa están abertas a través dun documento en liña.
