
O Clúster da Comunicación de Galicia celebra hoxe a gala dos XI Premios Paraugas no Teatro Jofre de Ferrol. A cerimonia reunirá profesionais da comunicación, do deseño e da mercadotecnia da nosa terra para dar a coñecer os proxectos gañadores das distintas categorías e desvelar cal se alza co Paraugas de Ouro, o máximo galardón da edición.
A xornalista Alba Mancebo presentará unha gala que levará ao escenario, en clave de humor, as situacións que forman parte do día a día do sector. Por primeira vez na historia dos premios, a cerimonia poderá seguirse en directo en Agalega, a plataforma de contidos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG).
Proxectos finalistas das catro provincias

Entre os 34 proxectos que optan aos galardóns figuran Hielo Estrella Galicia, de Imaxe, Havas Media e Evercom, finalista en idea creativa e campaña publicitaria, e os traballos de Recados Carmen para Fnac, con Dumbphone en idea creativa e Menos Smart en campaña publicitaria e comunicación. Tamén compiten Lenzos, as letras en cor e Mucho que contar, de Nasas para Gadis, a nova identidade do R. C. Deportivo da Coruña e proxectos para FEIRACO.
A escolma reúne axencias e estudos das catro provincias galegas. Entre as propostas figuran Morte segura, de Atalaya Comunicación, de Lugo, para Serfuja, finalista en impacto positivo, e Mar de Santiago, do estudo ourensán Casa Pransa, en creación ou estratexia de marca. Desde Vigo, Chachachá Studio opta ao premio de deseño dixital con SUS-SOIL: infografía animada.
A listaxe completa pode consultarse na web dos Premios Paraugas.

Os traballos foron seleccionados por un xurado de quince profesionais vinculados a Galicia e presidido pola directora creativa executiva Xisela López. Nesta edición, o deseño gráfico e o dixital contan con categorías diferenciadas e incorpóranse recoñecementos específicos para ámbitos como as redes sociais e a comunicación. “Estréase tamén unha categoría dedicada a proxectos que contribúen á promoción da identidade, da lingua, da cultura e do territorio galegos”, segundo informou o Clúster.
Un premio de honra ao compromiso co deseño
A gala acollerá tamén a entrega do Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade a José María Fonseca Moretón, impulsor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón. O Clúster recoñece “o seu compromiso coa promoción do deseño e da creatividade a través dun certame que celebra o seu 25 aniversario e que, ao longo da súa historia, reuniu 23.300 carteis de creadores de 107 países”.
Os XI Premios Paraugas están organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia e contan coa Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Xacobeo 2027 e o Concello de Ferrol como aliados institucionais estratéxicos; coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a Deputación da Coruña como entidades colaboradoras; e con Raiola Networks, CESUGA, Estrella Galicia, Abanca, Vandal e tac! como patrocinadores colaboradores. Markea, Creatividade Galega, Dircom e OPC Galicia participan como colaboradores sectoriais, mentres que a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e Servizos Gráficos colaboran coa iniciativa.
