
A artista visual galega Judith Adataberna (Vilaboa, 1992) desenvolve na Cidade da Cultura de Galicia o proxecto artístico In vitro ex vivo, seleccionado na convocatoria das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA 2026) na modalidade de proxectos innovadores e arte dixital. O vindeiro sábado 21 de novembro de 2026, a artista presentará no Gaiás unha primeira mostra desta peza.
Segundo informan dende a Cidade da Cultura, “o proxecto In vitro Ex Vivo constrúe desde as artes novas e a tecnoloxía un espazo inmersivo, e certamente inquietante, que recupera relatos e testemuños ao redor de cuestións como a euxénese, a manipulación xenética, e as políticas e tecnoloxías aplicadas á reprodución humana”.

A proposta, que está a desenvolver na súa residencia artística no Gaiás, vertébrase ao redor de tres elementos: o texto, a imaxe e a escultura.
No texto, Judith reúne voces e linguas diversas a través das que escoitamos episodios como o polémico experimento de edición xenética de embrións humanos realizado por He Jiankui, a experiencia traumática que ela mesma viviu nunha interrupción do embarazo, ou o caso da activista Olivia Maurel, que descubriu aos 30 anos que nacera por medio da xestación subrogada e agora loita contra esta práctica e as súas consecuencias para os bebés e as xestantes.
Ademais da propia Judith, a poeta galega Yolanda Castaño, a música francesa, Lise Barkas, ou o músico Olivier Martin son algunhas das voces que nos falan en In vitro Ex vivo.
Nas paredes da instalación, “contemplamos mutacións de células ou de embrións que non existen” e que precisamente nos remiten, pola presenza de tubos, probetas, decantadores e outros elementos tecnolóxicos, aos procedementos que ocorren no laboratorio.
O método de creación destas imaxes tamén sufriu unha mutación durante a residencia, xa que a idea orixinal era xeralas mediante motores de intelixencia artificial. Porén, as novas “e razoables” restricións aplicadas á IA xenerativa respecto á creación de imaxes anatómicas, de embrións, embarazadas ou bebés, fixéronlle optar pola creación artesanal, recoñeceu a artista.
Artesanía e tecnoloxía van tamén da man no embrión animatrónico que a artista Sidney Latil creou como elemento escultórico da instalación. Unha estrutura creada por impresión 3D que será mergullada no acuario central do espazo e no que decidiron “destacar especialmente a columna vertebral e o rabo” que nos recorda que “a nivel biolóxico hai poucas cousas que nos separen de parentes como os ratos e os monos”.
No espazo sonoro está a contar coa colaboración do músico asturiano Andrés Rodrigues, beneficiario das axudas REGA na pasada convocatoria.
Respecto do compoñente tecnolóxico, a mostra In vitro ex vivo de Judith Adataberna aborda a tecnoloxía dende unha dobre perspectiva: como tema central de reflexión (biotecnoloxía e reprodución asistida) e como ferramenta de produción artística (impresión 3D, animatrónica, vídeo e IA).
O sábado 21 de novembro presentará unha pequena mostra do que será a peza completa de In vitro Ex vivo.
