
O Teatro Jofre de Ferrol acolleu a gala da undécima edición dos Premios Paraugas, organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia para recoñecer o talento e o traballo da industria galega da comunicación e do márketing. A convocatoria reuniu 34 proxectos finalistas, que sumaron 39 candidaturas nas trece categorías e no Premio Paraugas Estudantes.
Menos Smart, de Recados Carmen para Fnac, obtivo o Paraugas de Ouro, o máximo recoñecemento da edición, e tamén o premio á mellor campaña publicitaria. A iniciativa promove un uso máis consciente do teléfono móbil e anima a recuperar tempo para ler, escoitar música ou ver cine.
Entre os galardóns destaca o de mellor deseño dixital, que recibiu Orestes Comunica polo percorrido virtual de Castelao. A derradeira leición do mestre, unha experiencia que permite visitar a exposición do Museo de Pontevedra coa orientación do xornalista Arturo Lezcano. A iniciativa combina recursos dixitais e divulgación cultural para achegar o patrimonio expositivo ao público a través da rede.
O premio á mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia recoñeceu o novo reposicionamento de marca da CSAG-TVG, desenvolvido por Tío Phil. O traballo aborda a renovación da identidade visual da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

A categoría de redes sociais premiou a Lapera por Lenda. Siempre mascotas, nunca menoscotas, para Lenda Pet Food, mentres que Brutal Studios conseguiu o galardón á estratexia de márketing máis eficaz por idealo x La Velada del Año VI. Recados Carmen completou o seu palmarés cun segundo recoñecemento, o de mellor acción ou estratexia de comunicación por «Acariciadores de muebles», para Malasa.
A xornalista Alba Mancebo conduciu unha gala que incorporou o formato do pódcast como un dos seus fíos condutores, con intervencións da humorista Carla Mañas. A cerimonia contou tamén coa actuación musical de TAÏN e puido seguirse por primeira vez en Agalega, a plataforma de contidos da CSAG.
Palmarés dos XI Premios Paraugas
- Paraugas de Ouro: Menos Smart, de Recados Carmen para Fnac.
- Mellor produción gráfica: Exposición permanente CMAG Vigo, de Imprimeverde para o Concello de Vigo.
- Mellor deseño gráfico: Presentes, de Femür para a Xunta de Galicia.
- Mellor deseño dixital: Castelao. A derradeira leición do mestre – percorrido virtual, de Orestes Comunica para o Museo de Pontevedra.
- Mellor idea creativa: Hielo Estrella Galicia, de Imaxe, Havas Media e Evercom para Hijos de Rivera.
- Mellor campaña publicitaria: Menos Smart, de Recados Carmen para Fnac.
- Mellor acción ou estratexia en redes sociais: Lenda. Siempre mascotas, nunca menoscotas, de Lapera para Lenda Pet Food.
- Estratexia de márketing máis eficaz: idealo x La Velada del Año VI, de Brutal Studios para idealo.
- Mellor creación ou estratexia de marca: Nova identidade. Mesmo sentimento, do RC Deportivo da Coruña.
- Mellor acción ou estratexia de comunicación: Acariciadores de muebles, de Recados Carmen para Malasa.
- Mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia: Novo reposicionamento de marca, de Tío Phil para a CSAG-TVG.
- Mellor acción de comunicación ou márketing de impacto positivo: Morte Segura, de Atalaya Comunicación y Publicidad para Serfuja.
- Mellor evento corporativo: IV Foro Activistas del Rural, de Atrevia para Grupo Lence.
- Mellor evento cultural, gastronómico ou musical: O Son do Camiño 2026, de Esmerarte Industrias Creativas.
- Premio Paraugas Estudantes: Galego de peto – Minidicionario-chaveiro, de Larissa da Silveira Fernández.
- Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade: José María Fonseca Moretón.
